Galicia reduciu á metade a incidencia e os casos de covid−19 en dúas semanas
A melloría chega aos hospitais con menos ingresos novos
Galicia baixou en dúas semanas de 22. 400 a 11.700 casos de covid−19. E dunha incidencia de máis de 700 casos por cada cen mil habitantes pasou a unha de 337. Catro áreas sanitarias, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago, están por debaixo desa taxa. Para algúns expertos, o descenso é mesmo máis acusado do previsto.
"Os datos epidemiolóxicos que estamos tendo son bos. Incluso, desde o meu punto de vista, un pouco mellores do que poderiamos esperar inicialmente", apunta Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva na universidade de Santiago.
E a caída dos contaxios comeza a reflectirse na presión hospitalaria.
"O número de persoas hospitalizadas é menor, sobre todo o número de ingresos novos. Vemos que os ingresos novos que estamos a ter desde hai unha semana cada vez van baixando", asegura Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña.
Pero aínda é cativa a baixada de ocupación das UCI pola lenta evolución dos pacientes graves de covid−19.
"A presión asistencial en UCI, aínda que non seguiu incrementándose, parece que pouco a pouco quere empezar a baixar, pero ainda así é o que máis nos preocupa neste momento", di Ares.
E para que poida mellorar tamén ese dato e reducir o risco dunha nova vaga do virus é preciso seguir baixando os contaxios. O profesor Ruano defende manter as restricións de mobilidade e das reunións de non conviventes.
"Na desescalada sempre é mellor pasarse por exceso ca por defecto. Se somos pouco coidadosos na desescalada podemos ver outra vez un rápido aumento da pandemia", advirte o profesor Ruano.
Porque o virus segue aí, continúan aparecendo gromos e en moitos concellos hai transmisión comunitaria que impide coñecer e atallar a orixe dos contaxios.