CRTVG

Buscar

Galicia reduce os casos activos de covid por baixo dos 7.000 pero soben os contaxios

Publicado o 04/09/2021 19:25

• O Sergas notifica tres falecementos por covid, 2.582 durante a pandemia | As infeccións activas son 6.628, (-535)

• A incidencia acumulada cae en 21 puntos

A incidencia do coronavirus remite en Galicia aínda que nesta xornada medran os contaxios, despois do descenso das 24 horas anteriores. Segue o descenso de casos activos (-535) e xa están por baixo dos 7.000, por primeira vez na quinta vaga desde o 13 de xullo, con 6.628 persoas co virus.

Os positivos diarios diagnosticados en todas as probas son 311, cun incremento de 77 persoas máis con covid respecto da xornada anterior.

A presión asistencial sobe de xeito lixeiro. Hai unha persoa ingresada máis que o día previo, con 202 enfermos nos hospitais. Corresponde a un novo ingreso en UCI con 48 pacientes.  En planta permanecen igual e son 154 as persoas que precisan atención en cama convencional en cuarto  illado.

A incidencia acumulada segue en descenso e está en 217,93 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal sitúase en 198,25. A taxa de positividade das probas é do 6,99 %, inferior á media española do 8,09 %.

O Sergas notificou a últimas horas do sábado o falecemento de tres persoas máis por covid. Trátase de dúas mulleres de 93 e de 76 anos e un home de 83. Todos eles permanecían ingresados no hospital da Coruña por coronavirus. A cifra de persoas mortas en Galicia durante a pandemia é de 2.582.

Situación por áreas sanitarias

As infeccións activas baixan en todas as demarcacións. O descenso máis acusado é o da Coruña, con 146 persoas menos co virus. A Coruña, con 14 pacientes, e Vigo, con 11, son as únicas áreas que manteñen máis dunha decena de enfermos nas UCI.

A Coruña: 1.616

Ferrol: 395

Lugo: 1.315

Ourense: 646

Pontevedra: 429

Santiago: 1.228

Vigo: 999