CRTVG

Buscar

Dúas novas mortes elevan a 2.344 a cifra de falecidos pola covid en Galicia

Publicado o 01/04/2021 20:07

• Todas as áreas rexistran importantes descensos no último mes

• Diminúen os ingresos hospitalarios, en planta e nas UCI

• Os epidemiólogos piden prudencia para non desatar unha explosión de contaxios

Nas últimas horas Sanidade notificou a morte de dúas persoas que foran diagnosticadas coa covid. Trátase dunha muller de 54 anos que faleceu no CHUO e un home de 72 que morreu no CHOP. Ambos falecementos producíronse o mércores, 31 de marzo. Dende o inicio da pandemia morreron 2.344 persoas en Galicia.

Galicia rexistra este xoves 2.340 casos activos, catorce menos que na última xornada. Segundo os últimos datos do Sergas, supón unha redución do 55 % respecto ao mes anterior. No canto aos contaxios diarios, detectáronse 138 novos positivos (120 confirmados por PCR), 30 menos ca este mércores.

Por áreas sanitarias, A Coruña é a máis afectada en termos absolutos, aínda que continúa baixando. Despois sitúase Vigo, que segue en ascenso pero a un menor ritmo. Os contaxios vixentes por zonas asistenciais son:

A Coruña: 783 (-8)

Vigo: 627 (+8)

Pontevedra: 229 (-2)

Santiago: 270 (+2)

Lugo: 169 (=)

Ferrol: 120 (-11)

Ourense: 142 (-3)

No último mes, todas as áreas experimentaron importantes baixadas, superiores ao 50 %, excepto a de Vigo que se queda no 18 %. Esta menor diminución de casos débese á repunta iniciada hai quince días, pola que as autoridades sanitarias extremaron a vixilancia na cidade olívica e nos concellos da contorna.

Baixan as hospitalizacións

No que respecta ás cifras de presión asistencial, consolídase a tendencia descendente. Arestora, permanecen hospitalizadas 171 persoas, 26 menos ca onte. Un total de 143 (-24) están en planta e 28 en Coidados Intensivos, dúas menos ca este mércores. Os ingresos en críticos baixaron un 73% dende o 1 de marzo e nas camas convencionais un 60 %. Ademais, 2.141 doentes pasan a enfermidade nos seus domicilios.

No que levamos de pandemia notificáronse 117.162 infeccións, das que xa se superaron 112.501.

Positividade en descenso

Este mércores realizáronse 6.431 probas PCR, cunha positividade do 1,83 %. Esta taxa prosegue en descenso e continúa baixo o limiar do 5 %, máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.