CRTVG

Buscar

Galicia reduce en 2.652 os casos tras dúas semanas seguidas en descenso

Publicado o 09/12/2020 10:12

• A área da Coruña é a que máis baixa (-51), a de Ferrol, a que máis sobe (+44) nas últimas 24 horas

• A presión hospitalaria mantense estable cun lixeiro incremento (+3)

Galicia reduce en 2.652 os casos tras dúas semanas seguidas en descenso

Os casos de coronavirus no país volven baixar. Hai 5.627 persoas contaxiadas, segundo os últimos datos do Sergas, 69 menos ca onte. Galicia encadea dúas semanas seguidas reducindo os casos activos de covid-19.

A repartición por áreas sanitarias:

• Vigo: 1.499 (-18)

• Ourense: 377 (=)

• A Coruña: 1.193 (-51)

• Santiago: 785 (+2)

• Lugo: 606 (-18)

• Pontevedra: 871 (-28)

• Ferrol: 596 (+44)

Estabilidade nos hospitais

Nas últimas dúas semanas a presión asistencial foise reducindo de xeito notable. Nesta xornada o Sergas notifica un leve aumento nas hospitalizacións: hai 324 persoas ingresadas en planta (+2) e 51 nas UCI (+1).

Hai xusto tres semanas (18 de novembro) o número de persoas nas UCI era o dobre, 102, e os hospitalizados en plant, un 32% máis (472).

Por desgraza, onte o Sergas notificou o falecemento de oito persoas por mor da covid-19. Son xa 1.281 vítimas desta pandemia.

A positividade media, no 5%

O número de probas PCR realizadas medra ata as 6.659, 1.041 máis ca onte. Tamén soben os novos contaxios detectados mediante estas probas: 329, o que son case cen máis respecto á cifra de onte.

A taxa media de positividade (o número de persoas que dan positivo por cada 100 probas PCR) estabilízase arredor do 5% - 5,08%-. De feito, nos últimos catro días esta situouse por debaixo desta cifra, limiar máximo recomendado pola OMS. Hoxe, baseándonos nos datos do Sergas consolidados coas probas realizadas ás 18:00 horas de onte, a positividade media en Galicia está no 4,94%.

Mapas de incidencia acumulada e restricións

Estes son os mapas de incidencia acumulada e niveis de restricións. Cómpre ter presente que o primeiro ten un valor orientativo sobre a situación epideiolóxica dos concellos galegos. Porén, o segundo recolle as restricións aplicadas nos distintos niveis segundo o plan de desescalada da Xunta para a hostalaría.