CRTVG

Buscar

Galicia reduce os casos activos (-159), pero aumenta a presión asistencial

Publicado o 23/11/2020 10:57

• Hai 559 persoas ingresadas en planta (+20). Cen seguen nas UCI

• Baixan os casos activos en todas as áreas, agás en Ferrol (+9)

Vigo lidera a baixada con sesenta casos menos

Galicia continúa baixando o seu número de casos activos (-159). En cousa de dúas semanas, a nosa comunidade reduciu nun milleiro os infectados pola covid−19. Porén, a cifra de hospitalizados non segue a mesma tendencia.

Por áreas sanitarias:

• Vigo: 2.260 (-60)

• A Coruña: 1.798 (-44)

• Pontevedra: 1.234 (-1)

• Lugo: 1.097 (-20)

• Santiago: 959 (-16)

• Ourense: 637 (-27)

• Ferrol: 684 (+9)

Baixan as PCR e a taxa de positividade

As probas PCR rexistradas son 6.143, 988 menos ca onte e 903 menos ca a semana pasada. Unha cifra que se mantén nun ritmo algo menor ao de hai unhas semanas.

Con todo, hai bos datos de positividade: 5,25 %, das cifras máis baixas do último mes. Lembremos que o limiar da OMS para dar por controlada unha pandemia está no 5 %.

Cómpre ler este dato con cautela. As cifras de positividade oscilan diariamente con frecuencia, afectadas por cribados masivos en grandes poboacións (que a reducen) e cribados en lugares onde hai indicios de gromo, como as residencias (que a incrementan), entre moitas outras circunstancias.

A taxa de positividade media da última semana sitúase nos 7.25 %, un dato algo "inflado" pola importante suba da positividade o día 20, cando acadamos case 10 %.

Soben os ingresos en planta

Hai 559 persoas nos hospitais galego pola covid−19. Delas, 100 están na UCI e 459, en planta (+20).

A cifra de hospitalizados pola covid−19 non segue a mesma tendencia descendente clara que a gráfica dos casos activos. Se ben si que se pode apreciar un descenso dende o pasado 11 de novembro, este é irregular.

Preocupan as UCI, o último elo do sistema sanitario que cómpre reducir radicalmente. Hai 100 persoas nelas, un número ao que nos aproximamos (por arriba e por abaixo) dende hai dúas semanas) e que non acabamos de frear.

Cen mortos en dez días

Por desgraza, no que vai de pandemia faleceron 1146 persoas, logo das nove notificadas onte polo Sergas. A segunda vaga, comezada o 7 de agosto, leva polo momento 512 vítimas.

O dato máis preocupante: nos últimos dez días faleceron 100 persoas.

Mapa de incidencia acumulada por concellos