CRTVG

Buscar

Galicia redobra o seu compromiso na loita contra a violencia machista

Publicado o 25/11/2019 15:34

Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista. Día de actos para lembrar as vítimas e para darlle corpo ao necesario compromiso de todos para vencer nesta loita contra os malos tratos. Todas as cidades programaron concentracións ao longo de toda a xornada.

Sirvan de exemplo estas imaxes de Lugo. A mensaxe é unánime: resulta urxente insistir na educación para acabar dunha vez con este grave problema. Aínda non rematou o ano e xa se contabilizan máis vítimas ca en todo o ano pasado. A estas alturas de 2019 van xa 52 mulleres mortas en España pola man dos maltratadores.

Actos institucionais

Compromiso do Goberno galego neste 25 de novembro para seguir avanzando nunha Galicia libre de voilencia machista. A Secretaría Xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou nun acto na Universidade de Santiago en que se deu lectura a un manifesto da rede de unidades de igualdade das Universidades españolas.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade:"Para eliminar calquera tipo de violencia a solución reside na educación, o respecto, a liberdade e a igualdade que son tres dos piares fundamentais e básicos".

Declaración institucional tamén do Goberno do Estado para mostrar o firme compromiso de seguir dedicando esforzos a combater a violencia contra as mulleres. O delegado do Goberno alerta sobre os que poñen en dúbida unha realidade que os datos se encargan de demostrar.

Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia: "Debemos poñerlles freo e tamén poñerlles freo aos seus cómplices. A todos eses negacionistas que din que non existe a violencia contra a muller. A eses que non queren ver esas 3,500 mulleres ás que aínda hoxe ataca o machismo e o sofren como vítimas".

Estes actos institucionais veñen sumarse ás convocatorias que se desenvolven nesta xornada nas principais cidades galegas. Na cámara galega, todos os grupos redobran o seu compromiso contra a violencia machista e piden máis medios e maior visibilización.

Feijóo: "En Galicia só temos un non por resposta fronte á violencia machista"

Para conmemorar esta data, a Xunta convocou un concurso de carteis e vídeos no centros escolares. Na entrega de premios aos gañadores, Alberto Núñez Feijóo defendeu que é unha obriga de todos loitar contra a violencia machista.

Un dos proxectos premiados, feito no instituto Vilalonga de Sanxenxo, os nenos preséntanse como aliados das mulleres. Entre os carteis gañadores, mensaxes contra o mal amor e contra o machismo.

Recoñecemento tamén a lemas nos que os galegos do futuro se reivindican como activos e concienciados no reto dunha igualdade real.

"Esta nova xeración seremos quen de facer fronte ao machismo", afirma unha das alumnas.

Alberto Núñez Feijóo apela á unidade para acabar co disparate, dixo, da violencia contra as mulleres. "En Galciia só temos un non por resposta fronte á violencia machista e non pemitimos que fronte a esta loita non se queira tomar parte. É tarefa de todos, é unha obriga moral, ética e persoal", asegura o presidente.

Os gañadores levan un cheque de ata 150 euros e un lote de libros para os seus centros.

 

Noticias web

25/11/2019