CRTVG

Buscar

Galicia recomenda a máscara nos colexios desde os 3 anos

Publicado o 27/08/2020 19:47

• O protocolo do Goberno recolle o seu uso obrigatorio a partir dos seis anos e o lavado de mans polo menos cinco veces ao día 

• Os colexios só pecharán se hai unha transmisión descontrolada

• Tomarase a temperatura cada día na chegada aos centros

 

Acordo entre as comunidades autónomas e o Goberno para afrontar o inicio do curso. Os colexios abrirán nas datas previstas, incluídos os comedores escolares, e a educación será presencial.

Salvo o País Vasco, que se abstivo, houbo consenso para aprobar unha listaxe de medidas comúns para a volta ao colexio. Se hai casos de coronavirus nunha aula, terá que facer corentena todo o grupo. O colexio só se pechará se os contaxios se descontrolan. Cada centro terá que formar o seu persoal e facer un control exhaustivo.

Isabel Celaá, ministra de Educación: "Todos os centros designarán unha persoa responsable para os aspectos relacionados coa covid-19, que debe estar familiarizada con todos os documentos relacionados coa pandemia".

Para evitar riscos, haberá que ventilar regularmente as aulas, manterase unha distancia de metro e medio entre alumnos, e a máscara será obrigatoria a partir dos seis anos. Galicia, que xa aprobara esta medida, estuda ir máis alá.

Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade en funcións: "Imos ampliar, sempre que sexa posible, de 3 a 5 anos, porque, segundo a OMS, a máscara é a maior protección que temos. Sempre que sexa posible debemos darlle aos nenos esa protección".

Tamén será obrigatorio tomarlle a temperatura aos alunmos antes de entrar no colexio.

Carmen Pomar, conselleira de Educación en funcións: "A toma de temperatura pode ser tanto na casa, por parte da familia, como no centro educativo. Algunha comunidade autónoma propoñía facela no propio centro pero vai haber as dúas opcións".

O Goberno lémbralles aos pais que a escolarización entre os 6 e os 16 anos é obrigatoria, e apela á súa responsabilidade nestes momentos de pandemia.

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Estamos como estamos... non concibo que un pai ou unha nai leve o seu fillo ao colexio se non está en condicións, poñendo en risco a súa saúde e a do resto de alumnos".

O Goberno galego celebra o acordo, pero cre que chega tarde e que, en todo caso, estes protocolos teñen que ser revisados en función de como evolucione a pandemia.

Noticias web

27/08/2020