CRTVG

Buscar

Galicia recomendará a máscara desde os tres anos sempre que sexa posible

Publicado o 28/08/2020 09:34

Galicia súmase ao consenso entre as comunidades e o Goberno na volta ao colexio. Pero aquí, a Xunta estuda ir máis aló. Recomendará que mesmo os máis pequenos, os que teñen entre 3 e 6 anos, usen a máscara na medida do posible.

Houbo acordo no uso da máscara a partir dos seis anos e nas medidas para comedores e transporte escolar, cuestións que se poderán adaptar segundo as comunidades. De feito, aquí en Galicia a Xunta incorpora unha recomendación que extende o uso da máscara para os máis pequenos.

O conselleiro de Sanidade en funcións, explicou que "imos ampliar, sempre que sexa posible, de 3 a 5 anos, porque, segundo a OMS, a máscara é a maior protección que temos. Sempre que sexa posible, debemos darlles aos nenos esa protección".

O protocolo galego incide na importancia da ventilación dos espazos e nos grupos de convivencia estable. Aquí, por exemplo, a toma de temperatura farase no domicilo, para evitar posibles aglomeracións nos colexios.

O acordo é de mínimos. Galicia pediu concreción no financiamento. "Unha das cousas que non atende este documento é o financiamento, Desde Galicia inistimos porque o curso educativo non remata en decembro de 2020. É importante coñecer a previsiónde fondos", mantivo Carmen Pomar.

A conselleira de Educación en funcións confirmou que a prioridade é comezar o curso o 10 de setembro en infantil e primaria e o 16 en secundaria e bacharelato, sempre que a situación sanitaria o permita.

Noticias web

28/08/2020