CRTVG

Buscar

Galicia recolle unha media de 245 l/m2 en 54 días de inverno, un 35% máis ca no 2017

Publicado o 13/02/2018 14:03

 

Nevou na montaña e choveu practicamente en toda Galicia. Hai un aviso amarelo activado no interior de Pontevedra que mañá se estenderá ao oeste e ao suroeste da provincia da Coruña. A previsión é que chova durante toda a semana.

A estación de Cuntis contabilizaba á unha da tarde 37 litros por metro cadrado e era unha das que máis chuvia levaba acumulada de Galicia. O aviso amarelo para o interior de Pontevedra remata ás seis da tarde pero volve activarse ás doce da noite. O de mañá afectará tamén a provincia da Coruña. 

Dos 54 días que levamos de inverno en Galicia choveu 32. E choveu unha media de 245 litros por metro cadrado. É dicir, un 35% máis ca no mesmo período do ano pasado. Destaca o caso de Ferrol, onde este ano os pluviómetros recolleron 334 litros, o dobre de auga que o ano pasado.

Con esta situación os encoros vanse recuperando aos poucos. Os de Galicia-Costa están ao 71 % da súa capacidade, sete puntos máis que o ano pasado. Os da Confederación Hidrográfica Miño-Sil acadan o 53 %, tres puntos por enriba ca no 2017 pero case un 20 % por debaixo da media dos últimos dez anos. A pesar da recuperación, as autoridades seguen chamando á responsabilidade no uso da auga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018