CRTVG

Buscar

As visitas ás residencias de anciáns deberán esperar á fase 2

Publicado o 18/05/2020 19:55

As visitas ás residencias de anciáns terán que esperar. O protocolo aprobado no Consello da Xunta do pasado venres prevía que desde hoxe mesmo, coa comunidade aínda en fase 1, puidera autorizarse a visita dun familiar en máis do 80 por cento dos centros xeriátricos da comunidade. Esa posibilidade recóllese nas medidas permitidas nas fase 2, segundo o publicado no Boletín Oficial do Estado.

O protocolo elaborado polo Goberno autonómico establece que a visita semanal sería só naqueles centros sen casos de coronavirus e situados en concellos onde haxa menos de catro casos por cada 100.000 habitantes.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que "este protocolo debería poder autorizarse esta mesma semana; no caso de que non se nos deixe autorizar comunicarémolo ás residencias da terceira idade e entendemos, se pasamos á fase 2, que isto quedaría autorizado automaticamente a partir do próximo luns, dia 25".

A medida afecta unhas 18.000 familias en Galicia, o 80 % das que teñen algún dos seus maiores nunha residencia. 

Obrigatoriedade das máscaras

Na décima conferencia mantida entre o presidente do Goberno e os presidentes autonómicos, o presidente da Xunta pediu un protocolo claro sobre o uso das máscaras, cuxa obrigatoriedade de uso vaise estender. Núñez Feijóo pide tamén información precisa para solicitar o paso á fase 2 nos vindeiros días.

Os dous proxenitores cos fillos

Feijóo tamén reclamou que os dous proxenitores poidan levar os seus fillos e que non teñan que ir individualmente con eles. Mostrouse contrario á querenza do presidente Sánchez por manter o estado de alarma e felicitouse porque o executivo atendera as peticións da Xunta para permitir a caza, a pesca e abrir as franxas horarias nas vilas de menos de 10.000 habitantes.

Noticias web

18/05/2020