Galicia recibirá 234 millóns para axudas directas a pemes e autónomos
O Goberno central concretou a repartición entre as comunidades autónomas dos 7.000 millóns de euros para axudas directas. Do total que se vai transferir, 2.000 destínanse, exclusivamente, ás Canarias e ás Baleares, pola súa dependencia do turismo. Os outros 5.000 millóns repártense entre o resto de autonomías de acordo coa caída da súa economía, da perda de emprego durante a pandemia ou do paro xuvenil.
Andalucía e Cataluña son máis beneficiadas e Galicia queda no sétimo posto, con 234 millóns. A Xunta discrepa con esta cantidade, un 4,6 % do total, e tamén cos criterios. Cre que os cartos deberían repartirse segundo o número de autónomos e microempresas de cada territorio.
Para a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, "se tivésemos en conta un criterio realista, proporcional ao número de empresas, rozariamos o 7 %, como mínimo corresponderíannos 340 millóns de euros. Resulta absolutamente incomprensible. Na miña opinión, parece que primeiro se distribúe o diñeiro e despois póñense os criterios".
A Xunta tamén ten a vista posta nos fondos europeos a proxectos empresariais, cos que aspira a captar case 20.000 millóns de euros. Os sindicatos pídenlle ao Goberno central que vixíe que a repartición sexa equilibrada.
Segundo Pepe Álvarez, secretario xeral de UXT, "corremos un risco. As empresas máis importantes do noso país están asentadas nas zonas máis desenvolvidas, van ser as que presenten os proxectos e, polo tanto, o que lle pedimos ao Goberno as organizacións sindicais é que vixíe para que eses proxectos non deixen España máis desequilibrada".