CRTVG

Buscar

Galicia recibe un terceiro envío dun millón de máscaras para o Sergas

Publicado o 02/04/2020 18:06

O Goberno galego informou de que a comunidade autónoma recibiu este xoves o terceiro envío de máscaras adquiridas pola Xunta. En concreto, un millón de unidades foron entregadas na plataforma loxística do Servizo Galego de Saúde (Sergas), situada en Negreira. O material será distribuído desde este centro a todo o territorio galego.

Sanidade enviará este material de protección con carácter prioritario a hospitais, centros de saúde e residencias sociosanitarias, tal e como especifican os protocolos elaborados coas recomendacións do persoal de medicina preventiva.   

O material recibido este xoves fasi parte dos lotes adquiridos pola Xunta a distintos provedores e súmase ás 700.000 máscaras recibidas o pasado domingo e aos dous millóns que se recibiron na pasada xornada.

Doazóns de Paco Leiro e Rafael Canogar

Os protocolos de actuación para a protección dos profesionais na presente crise sanitaria provocada pola COVID-19 establecen a necesidade de que usen equipos de protección individual (EPI) para determinadas intervencións. Os elementos de protección recomendados son lentes de protección, batas de alta protección, máscaras respiratorias cirúrxicas e FFP2, e tamén luvas de exame, xunto con solución hidroalcólica desinfectante.

A Xunta indicou que o material sanitario que se reparta a partir deste xoves levará ilustracións doadas polo artista cambadés Paco Leiro e o escultor toledano Rafael Canogar.