CRTVG

Buscar

Galicia implanta o "Q" de calidade turística en albergues e espazos singulares

Publicado o 21/09/2019 18:41

Galicia quere converterse na primeira comunidade en implantar o "Q" de calidade turística en rutas, albergues e espazos singulares. A Xunta e o instituto público-privado que concede esta certificación asinaron hoxe un convenio para facer realidade o proxecto no ano 2020.

O convenio de colaboración conta cun orzamento de 250.000 euros. Pretende implantar, por primeira vez, o "Q" de calidade turística en rutas, albergues de peregrinos e espazos públicos singulares.

"Imos poñer en marcha estes procesos en 30 albergues e dez espazos públicos singulares e catro rutas. Traballaremos con 50 empresas, organizacións turísticas, que van ser as destinatarias iniciais do traballo que imos facer para lograr certificar o 'Q' de calidade", asegura o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Traballarase, de xeito piloto, en dous itinerarios do Camiño de Santiago: o portugués e o do Mar de Arousa. Tamén en dúas rutas do viño: a da Ribeira Sacra e a do Albariño Rías Baixas. Para estableceren os criterios de certificación, primeiro teñen que elaborar a norma.

"Na elaboración da norma participan representantes tanto do sector público coma do privado, para marcar os estándares mínimos. É un proceso que dura uns meses e, unha vez elaborada a norma, empeza o proceso de implantación que finaliza coa certificación", explica Miguel Mirones, presidente do Instituto para a Calidade Turística Española.

O obxectivo da Xunta, coa vista posta no vindeiro Xacobeo, é conseguir as certificacións a finais do 2020. De se faceren realidade, Galicia converteríase na comunidade con máis distintivos "Q" de calidade. Arestora ocupa o segundo lugar, despois de Andalucía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/09/2019