Galicia citará transplantados esta semana para que reciban a terceira dose
Galicia quere comezar a chamar esta semana as persoas con transplantes para que reciban a terceira dose da vacina contra o covid−19. Así o avanzou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo a preguntas dos medios na conferencia de prensa posterior á reunión do seu executivo celebrada este xoves.
Deste xeito, o mandatario autonómico sinalou que as persoas con transplantes serán a "primeira prioridade" á hora de administrar a terceira dose da vacina, unha vez que foi autorizada polo Consello Interterritorial de Sanidade o pasado mércores.
Neste sentido, o Goberno galego espera comezar esta semana cos chamamentos. No caso de que a unha persoa con transplante non lle chegue notificación para acudir a recibir a terceira dose, Feijóo convidou a que "se poña en contacto" cos servizos sanitarios para concretar a cita.
Con todo, o presidente expresou que confía en que non se produzan excesivos problemas deste tipo, posto que estes pacientes están "en seguimento".
Cuestionado sobre cales serán os próximos colectivos en ser chamados para recibir a terceira dose, apuntou que Galicia "non se vai apartar dos criterios científicos".
Por tanto, emprazou a coñecer as consideracións dos expertos para concretar quen serán os próximos en ser vacinados, aínda que manifestou que entende que, logo dos inmunodeprimidos, debería continuarse por aqueles que completaron a pauta de vacinación "hai moito tempo".