CRTVG

Buscar

Galicia queda sen festas

Publicado o 13/03/2020 21:33

Galicia queda sen festas. Concellos e entidades organizadoras súmanse así ás recomendacións do Goberno para evitar a propagación do virus. Unha delas é a Mostra do Encaixe de Camariñas, que ante a imposibilidade de atopar outra data celebrará a súa trixésima edición o ano que vén.

Tampouco haberá quen ronde este ano as madriñas de Ferrol, xa que queda suspendida a Festa das Pepitas, e no aire están as celebracións da Semana Santa.
Padrón suspende o seu mercado dominical e só se permite a instalación de postos de alimentación. A medida durará polo de agora tres semanas.

Quen tamén queda sen festa é Cervo, que tiña todo preparado para este domingo renderlle homenaxe aos ourizos. O mesmo que Frades, que queda sen Festa da Filloa e da Cachucha.

A que tamén queda cancelada é a Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá, e a do Queixo de Moeche, que se celebrará en outubro.

Aprazado por segunda vez o Enterro do Salmón da Estrada, que se vai celebrar en maio coincidindo coa festa gastronómica.

Cae tamén a festa das Uñas de San Lázaro en Santiago, a da Carne ao Caldeiro de Marcón, en Pontevedra, e a da Camelia en Vilanova de Arousa.
E nin o santo máis milagreiro, o San Benitiño de Lérez, se libra dos virus. Suspéndese a popular romaría do 21 de marzo que sempre lle daba a benvida á primavera.
 

Noticias web

13/03/2020