CRTVG

Buscar

Galicia prohibirá visitas a maiores de residencias ata que se vacinen

Publicado o 08/01/2021 12:06

• Os positivos en residencias volven subir ao crecer os gromos nos centros de Vimianzo, Xove e A Pastoriza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o comité clínico que asesora o Goberno galego "probablemente" adopte durante este venres a decisión de "blindar as residencias da terceira idade mentres non se consiga vacinar" os maiores e os traballadores, o que significa que non se poderán facer visitas.

A Xunta prevé que todos os maiores e o persoal das residencias estean inmunizados a finais do mes de xaneiro, aínda que indicou que o ritmo de vacinación depende da subministración que faga o Goberno da vacina.

Os usuarios de residencias de maiores de Galicia diagnosticados de covid-19 volveron a subir atasituarse no total de 214, tras notificarse un total de 17 novos positivos: 10 asociados ao gromo do xeriátrico da Pastoriza (Lugo), cinco ao centro de DomusVi Vimianzo (A Coruña) e outros dous na Residencia San Bartolomeu de Xove (Lugo).

Durante a inauguración do novo centro de saúde do Milladoiro (Ames), acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, Núñez Feijóo explicou tamén que nin a Xunta nin o comité estudan o confinamento xeral da poboación, aínda que si admitiu que se sopesarán restricións para determinados municipios debido á súa evolución negativa. Mantense o toque de queda ás once da noite. 

Feijóo dixo, ademais, que o comportamento dos galegos durante o Nadal foi entre aceptable e exemplar, malia a que a incidencia aumenta.