Galicia producirá en exclusiva seme sexado para poder elixir o sexo dos tenreiros
Xenética Fontao é a única empresa en España que vai producir en exclusiva e subministrar ao sector gandeiro de vacún doses de seme sexado. É decir, que os gandeiros van poder elixir case á carta o sexo que van ter as crías que procedan de touros coma este. No caso do sector leiteiro máis ben as femias e no do cárnico optando polos machos. Esta tecnoloxía vai supoñer unha revolución no traballo xenético no sector vacún.
Estes touros son a elite das razas frisoa e rubia galega. A súa descendencia dá o mellor rendemento. Agora, coa produción dunhas 30.000 doses anuais de seme sexado, os gandeiros poderán elixir cun 90% de fiabilidade o sexo das futuras crías. É unha tecnoloxía exclusiva e moi custosa que se poderá desenvolver en Galicia nos vindeiros meses grazas a un acordo co provedor americano. Será o único lugar de España onde se desenvolva e agárdase poder destinar arredor dun 15% á exportación.
"Mellorouse a tecnoloxía. Temos a dose convencional, con dous millóns de espermatozoides, e a especial, con catro millóns. E cunha fertilidade moi aceptable", salienta Jesús Vázquez, xerente de Xenética Fontao
Ata agora o seme sexado, unhas 20.000 doses anuais, chegaba a Galicia logo de que touros galegos foran transportados e tratados en Gran Bretaña. O brexit supuxo unha traba burocrática e un incremento dos custos polo que o acordo cos americanos permitirá aumentar e abaratar a produción. "Acertar nunha altísima porcentaxe coas características que buscamos. Mesturado coa xenómica, estamos facendo mataméticas coa xenética", explica Vázquez.
O 51% das vacas que nacen son femias. Co seme sexado o gandeiro pode repoñer o xénero que lle sexa máis necesario en cada momento na súa explotación cun proceso desenvolvido en Galicia.