CRTVG

Buscar

A Xunta prevé vacinar dos 60 aos 80 anos antes do verán e o 70 % dos galegos en agosto

Publicado o 15/03/2021 20:38

Os plans de Galicia pasan por cumprir o obxectivo de ter vacinada o 70 por cento da súa poboación a finais de agosto, un horizonte que o propio Ministerio de Sanidade manexa. Nesta planificación, que a Xunta sempre advertiu de que é cambiante e depende da recepción das remesas de vacinas, contémplase que o colectivo de entre 60 e 80 anos estea vacinado antes do verán.

Esta folla de ruta está supeditada, como desvelou e ratificou este luns en declaracións á Cadena Ser, recollidas por Europa Press, o xerente do Sergas, José Flores, á subministración de vacinas por parte do Goberno central e, á súa vez, das que envíe a propia Unión Europea ao Estado. As últimas cifras de vacinas foron proporcionadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado xoves na conferencia de prensa posterior ao Consello.

O mandatario autonómico anunciou que Galicia recibiría medio millón de inxeccións, de distintas marcas, no mes de abril. Así, e de manterse o ritmo (as declaracións foron feitas antes de que se anunciase a suspensión temporal da administración de AstraZeneca), Galicia podería conseguir o que se denomina a inmunidade de grupo a finais do mes de agosto, co 70 por cento da súa poboación vacinada. E antes do verán, ao colectivo entre 60 e 80 anos, que completaría a inmunización dos maiores de 80 que leva a cabo actualmente.

"Esperamos que o que comunicou Europa ao Ministerio e a nós se manteña e, así, evidentemente, si poderiamos cumprir coa intención de ter ese colectivo vacinado no verán", manifestou José Flores, quen agarda que a finais de agosto se poida ter o 70 por cento de inmunizados "se se cumpre o obxectivo marcado polo propio ministerio" e se consolida  o ritmo de vacinación.

As autoridades sanitarias galegas subliñaron en reiteradas ocasións que Galicia ten capacidade de administrar máis vacinas das que recibe actualmente e mesmo Feijóo chegou a asegurar que "se chegasen 100.000 vacinas ao día, vacinariamos 100.000 persoas". De feito, o pasado sábado organizouse unha vacinación masiva á que foron citadas 18.950 persoas en todas as áreas sanitarias galegas e administráronse nunha soa xornada 14.734 doses.