CRTVG

Buscar

Galicia prevé comezar a vacinar persoas de 50 a 55 anos a próxima semana

Publicado o 04/03/2021 15:28

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que os cidadáns de entre 50 e 55 anos da comunidade comezarán a recibir a vacina contra a covid-19 a partir da próxima semana.

Tras a reunión semanal do Executivo galego, Núñez Feijóo sinalou que este colectivo recibirá a vacina de AstraZeneca, da que Galicia recibirá 30.000 dose adicional a finais desta semana.

Deste xeito, este colectivo unirase á vacinación que xa están a recibir os maiores de 80 anos, os docentes menores de 55 anos, axentes de Policía Nacional, bombeiros, funcionarios de prisións, persoal dos servizos de axuda ao fogar, aos que proximamente se sumarán axentes da Garda Civil e persoal non docente das institucións educativas, dixo. 

As vacinas convidan á esperanza, asegura Feijóo, que insiste en que preocupa moito a cepa británica, que ten xa unha prevalencia do 87 %. Seguirán reforzando os cribados para a deteción precoz e esta semana hai convocadas 100.000 persoas para someterse a un test.

A evolución dos datos é boa, pero o presidente explica que segue a haber tensións nas UCIs da Coruña e Pontevedra. E sobre a Semana Santa, Feijóo cre que é moi cedo para tomar unha decisión. "Debemos coller un pouco máis de tempo para tomar esa decisión, que non pode abandonar criterios de prudencia epidemiolóxica. Se mantemos os índices que mantemos agora, a mobilidade interior de Galicia será altísima, pero iso ata a última semana de marzo non o podemos anunciar".