CRTVG

Buscar

Galicia presenta no cumio do clima de Madrid a lei de prevención fronte a seca

Publicado o 03/12/2019 16:08

Axenda completa a que tivo ao longo desta mañá Filipe VI, que antes recibiu na Zarzuela os presidentes de Costa Rica e A Arxentina, e a presidenta da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, Nancy Pelosi.

Despois, mantivo un encontro con António Guterres, actual secretario xeral da ONU, que é o organismo convocante da conferencia sobre o cambio climático, que vive este martes a súa segunda xornada.

Cordialidade entre o Rei e o que foi tamén no seu día primeiro ministro de Portugal, que comentaron como se está a desenvolver un evento que houbo case que improvisar en España en poucas semanas tras os problemas xurdidos en Chile, o país que debía organizalo. Guterres informou o monarca dos principais obxectivos que a ONU se marca para este cumio que remata o próximo 13 de decembro. O cambio climático, coincidiron ambos, xa non é un problema a longo prazo senón do presente inmediato.

Pero hoxe houbo ademais presenza galega no IFEMA. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade participou como convidada nunha das mesas de debate. Ethel Vázquez aproveitou para presentar o proxecto de lei galega de prevención fronte á seca posta en marcha para adaptar a Galicia ao novo contexto de cambio climático.

Expectación no cumio do clima por escoitar as razóns que pode ter o goberno dunha das rexións máis húmidas e frescas de Europa para estar preocupado polo quecemento global. A Xunta impulsa unha lei que loita contra o tópico de que en Galicia sobra a auga.

Unha lei cunha estratexia transversal e tres obxectivos claros. Pero o éxito desta batalla depende de todos.

A directora e o xerente de Augas de Galicia acoden tamén hoxe ao cumio do clima.

Aprobada no Parlamento

Cos únicos votos do Partido Popular, saíu adiante a Lei de abastecemento de auga en períodos de seca. Con esta norma pretenden que durante ese tempo de escaseza de chuvias, cada vez máis habitual, quede asegurado o subministro. Outra das medidas será reducir a fuga de auga na rede pública, pasando dun 40% a un 20%.
Os grupos da oposición votaron en contra porque cren que a Xunta lles pon excesivos deberes aos concellos, responsables do abastecemento.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/12/2019