Galicia aspira a captar case 20.000 millóns dos fondos europeos de recuperación
• A Xunta presenta 354 proxectos candidatos aos fondos Next Generation
Galicia vai presentar 354 proxectos por un valor de 19.658 millóns de euros aos fondos europeos Next Generation, segundo anunciou este xoves o presidente da Xunta. O 65 % dese total sería para propostas industriais e o resto para iniciativas do sector público.
Os proxectos abranguen cinco áreas: a economía circular e transición enerxética, a mobilidade sustentable, a innovación, a cadea agro-mar-industria e a Sanidade.
Alberto Núñez Feijóo pediulle ao Executivo central "cogobernanza" e que garanta a transparencia e "as mesmas regras" á hora de seleccionar as propostas para Bruxelas.
"Non pode haber compoñentes nin componendas. Isto non vai de acordos para manter as vitorias parlamentarias. Vai de crear emprego, de economía, de mellorar o PIB", asegurou o mandatario galego tras a xuntanza do Consello da Xunta, dedicada de xeito case monográfico aos fondos europeos.
Durante a súa intervención, advertiulle ao Goberno que xerar emprego e riqueza é "máis importantes que pactar con determinadas minorías". Segundo dixo, os cartos deben repartirse entre todos e "non de xeito torticeiro entre algúns".
Xuntanza cos grupos da oposición
Ademais, manifestou o seu desexo de chegar a un acordo sobre os proxectos cos partidos da oposición. Este venres explicaralles á voceira do BNG, Ana Pontón, e ao líder socialista, Gonzalo Caballero, os detalles da candidatura na reunión que manterá con eles na sede da Xunta.