CRTVG

Buscar

A Xunta estuda levantar as restricións nalgúns municipios esta semana

Publicado o 30/11/2020 09:21

• O comité clínico reúnese mañá para decidir que a desescalada sexa diferente segundo o tamaño dos concellos

• Non se desbota o peche perimetral de Galicia para a ponte da Constitución

A Xunta de Galicia prepara o levantamento das restricións. Estará baseado nuns criterios que tratará mañá o comité clínico e podería facerse xa efectivo esta semana nalgúns municipios. A desescalada será diferente segundo o tamaño dos concellos. Sanidade non desbota pechar perimetralmente Galicia para a ponte da Constitución.

As últimas cifras sobre a evolución da pandemia en Galicia constatan a tendencia descendente nas sete áreas sanitarias. Baixa o número de contaxios, 329 positivos nas últimas horas, baixa a incidencia acumulada e estabilízase a presión hospitalaria.

Con iso, o comité clínico trata na súa reunión de mañá os criterios que van decidir como será a desescalada, diferente en función das zonas, con distincións entre concellos de máis ou de menos de 10.000 habitantes. Nos concellos grandes, con máis restricións de mobilidade, Sanidade non descarta abrir a hostalería aínda que sigan pechados perimetralmente.

Julio García Comesaña, Conselleiro de Sanidade: "Sobre todo se os concellos son máis grandes, pode entenderse que ao mellor hai algún elemento de saída na hostalería que evidentemente temos que aprobar no comité clínico, pero podería ser, si".

O conselleiro adiantou que esta semana poderían aliviarse as medidas restritivas en Santiago e Ourense e, dependendo da evolución, nos vindeiros días, tamén na Coruña.

Madrid e a Ponte da Constitución

Na reunión de mañá tamén se tratará que facer de cara á Ponte da Constitución. Sanidade non desbota o peche perimetral de Galicia inda que non o ve preciso ao estaren confinados outros territorios, sobre todo Madrid.

Julio García Comesaña, Conselleiro de Sanidade: "Isto sucedeu na ponte de Todos os Santos, non pechamos perimetralmente Galicia e creo que non tivemos grandes problemas, e tamén é certo porque daquela algunhas comunidades, incluída Madrid, tiñan as súas limitacións de mobilidade para saír e agora mesmo Madrid volve telas para esta ponte e outras comunidades séguenas mantendo, co cal a situación é semellante á que tiñamos na ponte de Todos os Santos. Pero repito que, non obstante, está enriba da mesa e non está cerrada a decisión de pechala perimetralmente ou deixala como está agora".

O titular de Sanidade pide prudencia. Cre que o risco de que haxa unha terceira vaga da pandemia para despois do Nadal é moi elevado. E é que a pesar de que se estabiliza a presión hospitalaria, e a situación nas UCI está ao nivel que estaba a comezos de novembro, hai 81 persoas en coidados intensivos e nas últimas horas sumáronse 12 mortes máis. A cifra positiva: 648 persoas foron dadas de alta. 

Noticias web

30/11/2020