Galicia premia a súa cultura en Vigo cunha homenaxe aos 40 anos da movida
O Teatro Afundación de Vigo acolleu este martes a cerimonia de entrega dos Premios da Cultura Galega 2019 que, por segunda vez na súa historia, saíron de Santiago. Nesta ocasión para viaxar á cidade olívica e render así homenaxe ao 40 aniversario da movida viguesa, "un movemento renovador que supuxo unha revolución nas bases da nosa cultura e sociedade", segundo destacou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
A cerimonia, presentada polo actor Manuel Manquiña ante un teatro repleto, serviu para repartir oito premios ás persoas que contribúen á excelencia, a conservación e o esparexemento do mellor da música, artes escénicas, audiovisual, lingua, patrimonio cultural, letras, artes plásticas e proxección exterior de Galicia. Aínda que os nomes dos galardoados eran xa coñecidos, a velada deixou momentos memorables, como o discurso de Xesús Alonso Montero, catedrático de literatura galega, escritor e presidente da Real Academia entre 2013 e 2017, premiado na modalidade de letras.
"Sería feliz se alguén me demostrase empiricamente que o xurado acertou, pero acertara ou non, a miña gratitude é infinita", dixo Alonso Montero, quen dedicou o seu premio ás tres persoas que máis influíron na súa vida e a súa obra: Isaac Díaz Pardo, o señor Petouto e Camilo de Dios.
Para Díaz Pardo, aproveitando a presenza do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, pediu Alonso Montero recoñecemento no centenario do seu nacemento, e sinalou que "a Xunta pasará á historia grande se consegue que a xente coñeza o legado extraordinario que deixou". O señor Petouto foi un canteiro que lle ensinou que "hai que facer o posible para que no día de mañá non haxa pobres", e Camilo de Dios, un "home que defendeu a democracia contra o franquismo" e merecedor de todas as honras.
Antes compareceu no escenario o presidente da Fundación Barrié de la Maza, José María Arias Mosquera, para recoller o premio na categoría de patrimonio cultural pola restauración do Pórtico da Gloria. Arias e explicou a sensación que desde o principio tivo como mecenas ao "ter na mans o máis prezado monumento artístico do noso país".
Na categoría de proxección exterior o premio foi para o proxecto Galego en Londres, e recolleuno Begoña González, quen sinalou o orgullo que sente polo "enorme talento e resiliencia dos galegos na diáspora" e lembrou a necesidade de que os que queren regresar atopen un oco para ese talento en Galicia. A profesora de secundaria Pilar Ponte Patiño, galardoada na modalidade de lingua polo seu proxecto 21 días co galego, co que conseguiu eliminar prexuízos entre os mozos contra a súa propia lingua, estalou en bágoas ao acordarse da súa nai e atopou no público consolo, que a arroupou cun cálido aplauso.
A escultora Soledad Penalta, nacida en Noia en 1943 e varias de cuxas obras están expostas no parque escultórico da Torre de Hércules, foi premiada na categoría de Artes Plásticas, mentres que o compositor e cantante Amancio Prada relatou anécdotas da súa nenez tras recibir de mans de Feijóo o premio na categoría de música. Na categoría de audiovisual, o premio foi para a serie de televisión 'O sabor das margaridas', rodada integramente en galego e en Galicia, primeira serie en galego na plataforma Netflix e, como lembrou Ramón Domínguez, subtitulada xa en 32 idiomas, "o que fala do impacto" da serie na devandita plataforma e de "a posición do audiovisual galego".
Por último, o premio en artes escénicas levoullo a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia: Monicreques de Kukas, cuxos compoñentes reivindicaron a súa actividade como "unha das formas de expresión artística máis amplas que existen", antes de dedicar o premio "a todas as persoas con alma de marioneta e corazón de poeta".
A entrega de premios estivo salteada pola presenza no escenario do dúo de pop "escuro e sensible" Fachendoso; do grupo de comunicación poética Rompente, con Antón Reixa e Julián Hernández; do baile de Tanxugeuras e a Escola de Danza Media Punta, e, finalmente, de Amancio Ortega. O acto pechouno Feijóo, quen falou dunha cultura, a galega, "sen sectarismos nin exclusións que reflicte fielmente a maneira de ser dos galegos: un pobo curioso e aberto que ve na cultura propia unha valiosa ponte para mostrar o noso ao mundo e para, ao mesmo tempo, aprender e inspirarnos do alleo".
Feijóo, que intercalou no seu discurso títulos de emblemáticas cancións da movida viguesa, díxolles aos representantes da cultura galega e viguesa que "o estades facendo moi ben’; tivo palabras para cada un dos premiados e tempo para sinalar que é mellor promover as Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade que como espazo para matar hippies, en referencia á famosa canción de Siniestro Total. O presidente do Executivo galego finalizou o seu discurso anunciando que a Xunta vai crear na zona vella de Vigo unha sede do centro Galego de Arte Contemporánea que vai funcionar como un espazo de exposición e creación artística na cidade olívica.