CRTVG

Buscar

Galicia, por primeira vez por baixo dos 300 positivos a pesar do brote da Mariña

Publicado o 04/07/2020 15:30


Continúa o rastrexo dos contactos das persoas afectadas pola covid-19 na Mariña e a realización de probas para seguir cercando o brote. Segundo os últimos datos confirmados pola Consellería de Sanidade, o número de positivos ascende a 85, son 26 máis ca onte. Só catro permanecen no hospital da Mariña o resto están en corentena nos seus domicilios, asintomáticos ou con síntomas leves.

Malia que hai varios concellos da comarca afectados, a orixe, segundo confirma a Xunta, está nun único foco localizado en bares da zona portuaria de Burela.

Sanidade pide a colaboración de todos os cidadáns que estiveron en contacto con positivos, lembra a importancia de que se facilite o traballo dos equipos que fan o rastrexo para controlar o brote.

No conxunto de Galicia quedan 279 positivos por coronavirus, 39 menos ca onte. É o maior descenso de casos nunha semana e a primeria vez que a comunidade está por baixo dos 300 positivos.
Hai que destacar tamén que descenden os casos en todas as áreas sanitarias, agás na de Lugo. Non hai ningún paciente ingresado en UCI.

As residencias de maiores e discapacitados non rexistran ningun caso entre os usuarios. Só hai un positivo, un traballador dun centro da Courña.

Levamos case un mes sen falecidos en Galicia.


 

Noticias web

04/07/2020