CRTVG

Buscar

Galicia sinala as festas universitarias como foco de expansión da covid-19

Publicado o 15/10/2020 21:00

• Multas de ata 750 euros por facer troulas en pisos en Santiago

Núñez Feijóo: "Os comportamentos irresponsables acaban producindo mortes"

Desde esta noite facer festas en pisos pode saírlles moi caro aos estudantes en Santiago. O concello endurece as multas. Douscentos euros entre as dez e as doce da noite, cincocentos desde esa hora e ata as tres da mañá e, a partir de aí, 750 euros. Desde o inicio do curso a policia local interveu en 159 festas en pisos. Para os reincidentes as multas elévanse a 1.500 euros.

"Sabemos que non son a maioría dos estudantes, pero tampouco se pode considerar un problema residual porque se falamos de 159 festas, probablemente falamos de máis de 1.000 estudantes que participaron nelas. O obxectivo de todo isto é concienciar e corrixir as condutas inadecuadas", explicaba o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

Santiago multiplicou a incidencia de casos de covid-19 desde o inicio do curso escolar. Sospéitase que pode ter que ver máis co ocio nocturno dos estudantes que coa actividade docente.

"Eu creo que no marco universitario, dentro do espazo docente, a seguridade é a maior que podemos ter", dicía o profesor da USC, Jorge Mira.

"Na nosa residencia non houbo ningún caso confirmado. Pero paréceme ben o do cribado porque sempre pode haber algún caso asintomático e está ben saber se hai na residencia ou non, e máis agora que entramos en alerta vermella", explica un universitario. Fala do cribado realizado durante dous días en residencias e colexios maiores de Santiago, máis de mil probas que permitirán saber a partir deste venres a relación entre o estudantado e o incremento de casos na cidade. Sanidade acaba de anunciar que enviou 50.000 tests rápidos de detección da covid-19 ás tres universidades galegas para que os seus servizos de prevención podian realizar un cribado maís amplo entre todo o alumnado.

Noticias web

15/10/2020