CRTVG

Buscar

Galicia pide un novo fondo covid para o 2021 na Conferencia de Presidentes

Publicado o 31/07/2020 21:18

•  Feijóo di que foi máis unha xuntanza "informativa" que "de acordos"

• Sánchez liderará a repartición dos fondos da UE en cogobernanza coas autonomías

 

 

Alberto Núñez Feijóo cre que era importante que todos os presidentes estiveran nesta reunión, sobre todo despois de coñecer os datos da caída do PIB español, que cualifica de demoledores.

"Comprenderán que a situación económica é de prognóstico reservado e, polo tanto, necesitamos políticas de Estado para saír dunha situación económica moi complexa e dunha pandemia que non derrotamos e que queda aínda moito por facer".

Con este escenario, tanto Galicia como outras comunidades pediron que se inclúa un novo fondo covid nos presupostos do ano que vén. Sobre o anuncio que lles fixo Sánchez de que o Goberno central vai liderar a xestión dos cartos europeos, Feijóo di que lle parece ben se realmente hai cogobernanza.

"Se o modelo de coxestión dos fondos de reconstrución pode ser similar ao modelo alemán dos lander, váleme. Se polo contrario o modelo é un modelo de estados centralista, como Francia, evidentemente, non nos vale".

O presidente da Xunta en funcións di que marcha desta reunión cun único compromiso: o de seguir traballando a partir de setembro. "Digamos que foi máis unha Coferencia deliberante ou informativa máis que unha Conferencia de acordos ou de resolucións".

Noticias web

31/07/2020