Galicia pide que se atendan as súas especificidades na Política Agraria Común
Máis de 34.000 millóns de euros vai recibir España nos vindeiros sete anos con cargo á Política Agraria Común da UE. Dixitalización do campo, remuda xeracional e igualdade de xénero son os piares dunha proposta para destinar ese diñeiro para a que o Ministro de Agricultura pide un respaldo unánime das Comunidades Autónomas.
O ministro de Agricutura, Luís Planas, di que "a Política Agrícola Común para España ten que ser unha maximización da utilización deses fondos dos que dispoñemos para os nosos agricultores e gandeiros. Polo tanto, temos que facer todos un esforzo de intelixencia e xenerosidade".
O Conselleiro do Medio Rural sinala que o plan estratéxico do Goberno central dá preferencia ás zonas sur e leste de España fronte a cornixa cantábrica e pide que as políticas de sustentabilidade teñan en conta as características do terreo e as explotacións galegas.
Segundo José González, "o ministro trasladou con claridade que esta ía ser unha PAC mediterránea e nós trasladámoslle tamén que en Galicia hai moito mar, pero que é o océano Atlántico. Polo tanto, demandamos que se teñan en conta as especificidades de cada comunidade, do norte e neste caso da cornixa cantábrica e, por suposto, tamén de Galicia".
O sector galego, especialmente o leiteiro, cre que o documento debe introducir melloras.
Roberto López, gandeiro membro de Agromuralla: "Penalizar as pequenas explotacións da cornixa cantábrica para beneficiar os terratenentes do sur é unha equivocación".
As negociacións van continuar ata marzo, cando se agarda ter o borrador definitivo do documento.