CRTVG

Buscar

Galicia pide máis doses para incrementar o ritmo de vacinación, que noutros lugares non arranca

Publicado o 05/01/2021 15:08

A vacinación en España avanza de forma desigual. Galicia é unha das comunidades que máis efectividade está demostrando. A nosa comunidade é, despois de Asturias, a que máis doses da vacina administrou. 

 A Xunta de Galicia vacinou, ata o de onte, coas primeiras 18.500 doses, a algo máis de 12.000 persoas de 152 centros sociosanitarios, cumprindo o plan elaborado pola Consellería de Sanidade, segundo o cal, cada semana vacinaranse arredor de 12.200 persoas, aínda que non se descarta vacinar a mais, se se garante a chegada compremetida polo Ministerio de Sanidade

Ata o de agora, a Xunta recibíu 37.500 doses, das que 18.550 pertencen a última remesa que chegou o pasado luns, día 4 de xaneiro. Hoxe martes está previsto vacinar a 4.715 persoas máis.

A previsión é rematar a vacinación da primeira dose a mediados deste mes de xaneiro.

O departamento sanitario galego mantén, polo de agora, unha reserva dun tercio das vacinas por si se produce unha rotura do stock, para garantir a administración da segunda dose.

As diferenzas entre comunidades son moi significativas. Mentres en Galicia se puxeron xa máis do 60 % das unidades recibidas. Por diante só está Asturias, co 80 %. Moito peor está a situación en Cantabria, Madrid ou Estremadura, onde non se chega ao 7 %.

O Sergas vai dispensar 12.200 doses á semana. A consellería de Sanidade optou por reservar unha parte das vacinas para poder garantir a segunda dose. Galicia solicítalle ao Goberno máis unidades para aumentar o ritmo de vacinación.

O Ministerio repartiu entre as comunidades máis de 700.000 doses, a metade delas este luns. Só se administraron o 11 % do total.

A pesar dos atrasos da maioría das autonomías, Salvador Illa confía en que esta semana se alcance a velocidade de cruceiro e dixo que o 70 % da poboación estará vacinada a finais do verán, algo que moitos expertos poñen en cuestión se o ritmo de vacinación segue sendo o actual.

Noticias web

05/01/2021