CRTVG

Buscar

A Xunta pide entrar o luns na fase 1 da desescalada e mobilidade en toda Galicia

Publicado o 06/05/2020 20:34

Galicia pide entrar o próximo luns 11 de maio, na seguinte fase de desescalada, a 1, que permite un maior grao de apertura dos negocios e tamén máis movementos da poboación. A Consellería de Sanidade presentou esta tarde a súa proposta ao Ministerio de Sanidade. 

Foi a través dunha videoconferencia. A Consellería de Sanidade cre que cumpre os criterios establecidos polo Goberno central para pasar á fase 1.  Uns criterios sanitarios para o diagnóstico, vixilancia e tratamento da COVID-19 en que se inclúe, entre outros parámetros, o número das UCI ou de camas hospitalarias.

A Consellería de Sanidade di que Galicia tamén cumpre os requisitos sobre a situación da epidemia. Apunta que aquí está en fase de remisión coa transmisión comunitaria controlada. Ademais, Galicia pide que a unidade territorial para a desescalada sexa a área sanitaria e que se permita a mobilidade dos cidadáns entre elas sempre que a área sanitaria de orixe e a de destino estean na mesma situación.

Agora queda por saber se o Ministerio de Sanidade lle dá o visto e prace á proposta de Galicia e lle permite así pasar o luns á fase 1 da desescalada

Galicia cre que cumpre os criterios epidemiolóxicos

Galicia pide entrar o luns 11 de maio na fase 1 da desescalada. Nos últimos tres días, non se detectou ningún caso de coronavirus en 285 concellos. Os datos, apuntan desde o Sergas, revelan que a epidemia está en Galicia en fase de remisión coa transmisión comunitaria controlada. É o aval para que a Consellería de Sanidade pida o paso á fase 1 de desescalada.

A situación da epidemia e tamén o cumprimento dos criterios sanitarios establecidos polo ministerio. "A nosa capacidade de camas de críticos cobre o requisito mínimo establecido polo Ministerio, igual que o número de camas de hospitalización", sinala Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Galicia cre que cumpre os criterios sanitarios 

Sinalan desde o Sergas que contan tamén co reforzo da plataforma Telea que permite o seguimento de pacientes en domicilios e que xa se empregou nesta pandemia.

Na Atención Primaria, a consellería apunta que tamén cumpren os indicadores. O Sergas vai establecer unha vixilancia nos centros de saúde para a detección precoz dos casos. Haberá probas PCR en 24 horas e un sistema de alerta para o seguimento dos contactos dos infectados para cumprir así outra das esixencias, a vixilancia da epidemia que permite controlar un rebrote.

"A vixilancia, a detección temperá dos casos, o illamento dos casos e a identificación e corentena dos contactos. Se iso facémolo ben, ese pico vai ser un 'mini' pico, imos ser capaces de controlar esa transmisión", afirma Xurxo Hervada, subdirector xeral de Información sobre a Saúde.

Galicia pide que a unidade sexa a área sanitaria

A Consellería de Sanidade pide que a unidade da desescalada sexa a área sanitaria e non a provincia, porque os recursos están organizados por áreas sanitarias e as áreas responden ademais a criterios xeográficos e socioeconómicos.

"Na zona do Deza e da Estrada, que pertencen á provincia de Pontevedra, claramente os cidadáns desas comarcas tenden a ir a Santiago por proximidade e por diferentes circunstancias. Por iso foron incluídas dentro da área sanitaria de Santiago.

Ao final, pode haber dentro dunha provincia como é A Coruña tres áreas sanitarias e pode ocorrer que a área sanitaria da Coruña estea afectada por un número de casos importantes e a de Santiago e a de Ferrol non.

Se a unidade utilizada é a provincia teríamos que facer restriccións sobre o total da poboación cando sabemos que unha parte importante non estaría con esa afectación", asegura Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.

Galicia pide a mobilidade entre as provincias

E se a unidade é a área sanitaria, Galicia cre que debe permitirse a mobilidade por toda a comunidade autónoma sen ter en conta a provincia sempe e cando a área sanitaria de orixe e destino estean na mesma situación.

Noticias web

06/05/2020