Galicia permite as batidas de xabaril sen límite de exemplares en case o 70 % do territorio
A Xunta permite a caza libre do xabaril en 29 comarcas galegas para frear os danos que causa nos cultivos. A medida, que afecta 198 concellos e abrangue o 68 % da superficie galega, entrará en vigor mañá e estenderase ata o 27 de febreiro de 2022.
Trátase dun instrumento excepcional e complementario á caza regrada e busca frear os danos que o xabaril está a ocasionar sobre todo nas plantacións de millo. Permítese abater ou capturar sen límite exemplares de xabarís de ambos sexos, e excepcionalmente tamén as crías.
"Vai darse a posibilidade de abater ou capturar todo tipo de xabaril, de diferentes idades, pero, sobre todo, incidindo nas femias adultas, subadultas e tamén, de maneira excepcional e con autorización da Dirección xeral, as crías e as femias seguidas tamén de cría", explica Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural.