CRTVG

Buscar

Galicia, pendente do recorte nas cotas de pesca que se negocia en Bruxelas

Publicado o 14/12/2020 21:32

Os ministros de Pesca da Unión Europea reúnense en Bruxelas para fixar a partir deste martes as posibilidades de pesca da frota comunitaria para 2021 no Atlántico e no Mediterráneo, nunhas negociacións marcadas profundamente polas conversas entre Bruxelas e Londres para tentar un acordo sobre a súa relación para partir do 1 de xaneiro.

A delegación española estará encabezada polo ministro Luís Planas e a reunión comezará este martes pola mañá, cando os ministros terán un primeiro intercambio sobre os totais admisibles de capturas (TAC) do ano que vén. Despois abordarán varios puntos sobre agricultura e as posibilidades de pesca non volverán á mesa dos Vinte e sete ata o mércores pola mañá.

Na cita en Bruxelas tamén estará a conselleira do Mar, Rosa Quintana, en representación das comunidades autónomas. Galicia xógase un recorte de 12,5 millóns en vendas de produtos do mar en primeira venda, que afectaría a máis de 2.300 tripulantes de diferentes frotas, cunha redución nos seus salarios de máis de 4,6 millóns. Un informe da Xunta cifra o posible impacto global para a comunidade en 30 millóns.

Neste sentido, a proposta da Comisión Europea que se tomará como punto de partida para estas negociacións dos totais admisibles de captura (TAC) "é negativa para España", pois inclúe a redución das capturas no caladoiro Cantábrico-Noroeste que chegan ao 13% nos casos da pescada sur e do peixe sapo, así como ao 11% no caso do rapante.

Noticias web

14/12/2020