CRTVG

Buscar

O paro baixou en 20.901 persoas no 2017 en Galicia e sitúase en 185.013 persoas

Publicado o 03/01/2018 20:38

• España pecha o ano coa cifra de parados máis baixa en oito anos 

Os sindicatos critican a temporalidade dos empregos

O paro baixou en Galicia máis dun 10 por cento en 2017, o mellor dato dos últimos vinte anos. Por primeira vez desde que hai rexistros descendeu o número de parados nun mes de decembro. No último ano, a comunidade gañou case 22.000 afiliados á Seguridade Social. 

Galicia pechou 2017 con 20.901 galegos menos nas listaxes do paro, o que supón unha baixada de máis do dez por cento con respecto ao ano anterior. É o mellor dato en 20 anos. O número de desempregados sitúase en 185.013. En termos relativos, Galicia é a cuarta comunidade onde máis baixou o paro o último ano. A construción, a industria e os servizos son os tres sectores que lideraron o descenso.

"O que pasa en Galicia é que esa recuperación económica está vinculada a unha maior confianza, a maiores oportunidades desde o punto de vista empresarial e de creación de emprego", di o conselleiro de Economía.

Por primeira vez desde que se teñen rexistros, o paro baixou nun mes de decembro en Galicia. Neste último reduciuse en máis de 2.000 persoas, unha marca histórica.
"O noso modelo funciona. Galicia é unha comunidade estable, segura, unha comunidade con moitas oportunidades para investir e para que as empresas poidan crecer", di a secretaria de Emprego da Xunta.

Galicia alcanzou en decembro do ano pasado os 985.448 afiliados á Seguridade Social, un 2,25 por cento máis que hai un ano. En termos internanuais, a comunidade gañou en 2017 21.713 cotizantes.

O presidente da Xunta destacou os datos de Galicia, tanto no descenso do número de parados coma no incremento de afiliacións á Seguridade Social. Núñez Feijóo asegurou que nin as previsións máis optimistas auguraban uns números coma estes, polo que felicitou o presidente do Goberno.

España pechou 2017 co número de parados máis baixo dos últimos oito anos. O número de afiliados á Seguridade Social aumentou en máis de 600.000 persoas. Por cada novo pensionista houbo seis novos cotizantes. 

Durante 2017 o número de parados rexistrados reduciuse en máis de 290.000 persoas. É unha caída anual do 7,84% que sitúa a cifra total de desempregados en España en 3.412.781, a máis baixa en oito anos.

O ano pasado asináronse 21 millóns e medio de contratos. Un de cada dez,  case dous millóns, foron indefinidos. No Ministerio de Emprego destacan que é a mellor dato nunha década.

En 2017 a afiliación á Seguridade Social  gañou máis de 611.000 cotizantes, a maior suba en doce anos. O Goberno considera que hai unha recuperación sostida e crecente de afiliados fundamental para soster o sistema.

As afiliacións medraron sobre todo no réxime xeral. Tamén no especial de autónomos mentres que descendeu a ocupación na agraria e na de empregados do fogar.

O presidente do Goberno valorou positivamente os datos e puxo como obxectivo chegar aos vinte millóns de traballadores en 2019.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/01/2018