Galicia avanza á fase 2 da desescalada, sen mobilidade entre provincias
• O ministro de Sanidade confirma o paso á seguinte etapa
• O que se pode facer nesta nova etapa, aquí
Galicia pasará este luns, 25 de maio, á fase 2 da desescalada. O Goberno autorizou esta medida despois da solicitude formulada pola Xunta, pero non atendeu á petición de que se permitira a mobilidade por todo o territorio da comunidade.
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, confirmou o cambio de fase e reafirmou a decisión do Goberno de manter como unidade territorial na comunidade a provincia, polo que non estará permitido desprazarse dunha a outra.
O ministro Illa asegurou que o Goberno continúa atendendo "á máxima de que cada paso que deamos sexa un paso seguro" e que esa máxima guiou a decisión para o cambio de fase, que sempre pode sufrir algún retroceso se os datos epidemiolóxicos empeoran.
Outros territorios que pasan á fase 2
Ademais de Galicia, as comunidades que pasan á fase 2 son Andalucía, Aragón, Asturias,as Baleares (Ibiza, Menorca e Mallorca), Cantabria, Castela-A Mancha (Cuenca e Guadalaxara), Estremadura, as Canarias, Murcia, Navarra, o País Vasco e A Rioxa, ademais de Ceuta e Melilla. Tamén entran na fase 2, en Cataluña, as zonas sanitarias de Campo de Tarragona, Terras do Ebro e o Alto Pireneo.