CRTVG

Buscar

As catro provincias galegas entran este luns 11 de maio na fase 1 do desconfinamento

Publicado o 09/05/2020 12:50

• Sanidade rexeita utilizar as áreas sanitarias como unidades territoriais

• Será posible comprar sen cita previa, sentar nunha terraza ou ir á igrexa 

• O que non se permite é a mobilidade entre as provincias da comunidade

 

Este é o B.O.E. publicado este sábado cos datos pormenorizados sobre as actividades permitidas na fase 1 de desconfinamento. Minutos antes de comparecer publicamente, o ministro Illa comunicoulle ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a decisión acordada polo comité de expertos. Fíxoo no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no que participaron o Goberno e as comunidades autónomas este venres.

A provincia foi a unidade territorial que elixiu o Ministerio de Sanidade para dividir a comunidade. Por este motivo, a cidadanía non poderá cambiar de provincia durante todo o tempo que Galicia permaneza nesta fase. Esta limitación, establecida polo Goberno central, significa que o comité de expertos non atendeu á petición da Xunta de usar como unidade territorial as áreas sanitarias e tamén rexeitou permitir a mobilidade de cidadáns entre elas, segundo ratificaron fontes da Xunta.  

Once comunidades autónomas, e mais as cidades de Ceuta e Melilla, pasan o luns á fase 1 do desconfinamento e o resto farano parcialmente, menos Madrid, que permanecerá na fase 0.

Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Navarra, Aragón, Estremadura, Murcia, así como as Canarias e as Baleares (súmanse todas as illas ás que xa estaban en fase 1 en ambos os arquipélagos), son as comunidades que entran integramente na seguinte etapa, ademais das cidades autónomas. As que pasan parcialmente son Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Valencia e Andalucía. Isto implica que o 51 % da poboación pasará o luns á fase 1 do desconfinamento, segundo anunciou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, este venres.

 

Que criterios tivo en conta Sanidade para permitir o paso á fase 1? 

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, explicou este venres os criterios que utilizou o Ministerio de Sanidade para dar o visto e prace ao paso á fase 1 da desescalada. Simón asegurou que as decisións motivaron "discusións moi intensas" e primaron criterios de valoración da transmisión, da gravidade dos casos e da detección e resposta ante os contaxios, entre outras.

Segundo explicou, os dous criterios prioritarios son os que permiten unha resposta adecuada do sistema sanitario a un posible rebrote e concrétanse en dispoñer de entre 1,5 e 2 camas de UCI por cada 10.000 habitantes, e entre 37 e 40 para agudos por cada 10.000 habitantes, ou ben poder habilitalas nun prazo de cinco días.

Todas as comunidades cumpren estes requisitos imprescindibles.

CRITERIOS PARA VALORAR A TRANSMISIÓN:

- Número de reprodución en función do tempo.

- Número total de casos confirmados por PCR nos últimos 7 días pola data de inicio dos síntomas.

- Incidencia acumulada nos últimos 7 días, o que supón ter en conta os casos posibles/sospeitosos nos últimos 7 días; a porcentaxe de casos posibles/sospeitosos con PCR realizada e a taxa de positivos entre os casos sospeitosos

CRITERIOS PARA VALORAR A GRAVIDADE

- Número de hospitalizados nos últimos 7 días e porcentaxe de ocupación (%).

- Número de casos en UCI nos últimos 7 días e porcentaxe de ocupación (%).

- Número de falecidos nos últimos 7 días.

- Letalidade nos últimos 7 días.

CRITERIOS PARA VALORAR AS CAPACIDADES DE DETECCIÓN E RESPOSTA .

- Número de camas de coidados intensivos (UCI) por 10.000 habitantes

- Número de camas de agudos por 10.000 habitantes (entre 37 e 40 camas)

- Capacidade de atención primaria para o diagnóstico precoz (capacidade para facer PCR a todos os sospeitosos).

- Dispoñen de protocolos e recursos para o seguimento de contactos.

- Sistema de vixilancia posto en marcha para garantir a monitoraxe diaria dos casos e a notificación individualizada (tanto primaria coma hospitalaria).

- Protocolo/plan para asegurar o manexo das residencias de maiores. 

A Comunidad de Madrid pedirá a semana que vén pasar o 18 de maio á fase 1 

O Ministerio de Sanidade rexeitou a petición da Comunidade de Madrid de pasar á fase 1 da desescalada o vindeiro luns, confirmaron fontes do Goberno autonómico. A Comunidade de Madrid presentou a documentación para pasar á fase 1 este xoves pola noite tras coñecerse a dimisión da directora xeral de Saúde Pública, Yolanda Fuentes, que tivo lugar un día despois de que o Goberno autonómico decidira facer esta petición ao Ministerio de Sanidade.

Na documentación alegaban que desde abril houbo un descenso dun 84 % no número de hospitalizados na Comunidad de Madrid e dun 64 % no de ingresados en UCI. Con todo, o conselleiro de Sanidade, Enrique Ruiz Escudeiro, admitiu este venres que a rexión non cumpre o cociente de camas por habitante que esixe o Ministerio de Sanidade, pero asegurou que poden alcanzalo grazas á "flexibilidade" e á "capacidade de resposta" do sistema sanitario da rexión.

O executivo madrileño confía en que entón a comunidade logre o visto e prace de Sanidade para pasar á fase 1, na que é posible ver os seres queridos, asistir a enterros e velorios, comprar sen cita previa, sentar nunha terraza ou ir á igrexa, entre outras actividades.

Cuenca e Guadalaxara pasan á fase 1, o resto de Castela-A Mancha queda na 0

As provincias de Cuenca e Guadalaxara pasarán a partir do luns próximo á fase 1 da desescalada, mentres que as de Albacete, Cidade Real e Toledo continúan na fase 0 na actual pandemia de coronavirus, segundo informan fontes do Goberno de Castela A-Mancha.

Goberno acepta proposta de Cataluña de desescalar tres rexións sanitarias

O Ministerio de Sanidade aprobou a proposta do Goberno catalán de que unicamente tres rexións sanitarias da comunidade, as que presentan un menor risco de contaxios, pasen o luns á fase 1 da desescalada. Segundo confirmaron fontes do Goberno autonómico este venres, os técnicos do ministerio validaron os informes técnicos que demostran que as rexións sanitarias das Terres de l'Ebre, Camp de Tarragona e Alt Pirineu e Aran atópanse na mellor situación de afrontar esta fase da desescalada.

As outras seis rexións sanitarias de Cataluña, incluída a cidade de Barcelona, que aglutinan o 90 % da poboación, aínda se atopan nun risco de rebrote moderado (moderado-alto, no caso da capital catalá), polo que o Goberno catalán prefire esperar uns días a que baixe máis o número de contaxios.

Sanidade limita o plan de Castela e León: só 2 % da súa poboación á fase 1

O Ministerio de Sanidade deu esta tarde luz verde ao plan de desescalada da Xunta de Castela e León ao impedir o paso á fase 1 de todas as súas capitais de provincia e aceptar unicamente que dean ese paso 26 zonas básicas de saúde do medio rural, que agrupan a 53.000 habitantes, o 2,2 por cento da súa poboación total. 

Málaga e Granada quedan na fase 0 en Andalucía

O Ministerio de Sanidade autorizou que seis das oito provincias andaluzas, Almería, Cádiz, Sevilla, Córdoba, Xaén e Huelva, pasen desde o vindeiro luns, 11 de maio, á fase 1 do plan de desconfinamiento deseñado para a crise do coronavirus, mentres que as de Málaga e Granada seguirán polo momento na fase cero.

Dez departamentos da Comunitade Valenciana pasan á fase 1

Os departamentos de saúde de Vinaroz, Requena, Xàtiva-Ontinyent, Gandía, Alcoy, Denia, Mariña Baixa, Elda, Orihuela e Torrevieja pasan á fase 1 do plan de desconfinamiento.