CRTVG

Buscar

Os menores de seis anos non regesarán ao colexio este curso en Galicia

Publicado o 14/05/2020 21:10

A comunidade educativa está moi pendente de que vai pasar con este curso escolar e mais co seguinte. E diso falaron hoxe Goberno e comunidades autónomas na Conferencia Sectorial de Educación. 

Nesa xuntanza, o Goberno deu liberdade ás comunidades autónomas para decidiren sobre o reinicio presencial en determinados cursos cando se pase á fase dúas. E Galicia xa tomou unha decisión. Só volverá ás aulas a partir do 25 de maio o alumnado de segundo de bacharelato para preparar as probas da ABAU e mais o de segundo da FP. Iso deixa fóra os cativos de infantil, porque a Xunta decidiu non reabrir polo de agora as aulas para este grupo de idade a pesar de que o Goberno central si que lle dera permiso para facelo.

Anunciouno a consellería esta tarde, tras participar na Conferencia Sectorial de Educación. Aquí en Galicia, se non hai contratempos sanitarios, o alumnado de segundo de bacharelato e o de segundo da FP poderá volver ás aulas a partir do 25 de maio. O regreso ás clases será voluntario.

Farase entre estritas medidas de seguridade e de hixiene. De feito, entre hoxe e mañá o ministerio enviará a Galicia unha serie de recomendacións sanitarias que se deberán seguir nesta reapertura. Unha reapertura que, por certo, non se dará nas aulas de Infantil. A pesar de que o Goberno si que o permite na fase dúas, Galicia opta por non facelo ata setembro.

E que pasará en setembro? As incógnitas son moitas. Mais na xuntanza da Sectorial de Educación acordouse crear un grupo de traballo con todas as comunidades autónomas para tratar este complicado asunto en que se barallan xa varios escenarios.

Neste grupo de traballo trataranse materias vitais para o curso 2020-2021, como a adaptación dos currículos ás novas circunstancias, a optimización dos espazos e, sobre todo, a dixitalización do sistema, algo para o que se pedirá financiamento á Unión Europea.

Noticias web

14/05/2020