Galicia non rexistra novas vítimas mortais e as cifras de infectados recentes son moi baixas
Seguen á baixa os contaxios por coronavirus en Galicia, con 732 casos activos https://t.co/pHdJ9uOQFh pic.twitter.com/E1VJ5s4OvU
— G24 (@G24Noticias) May 31, 2020
Galicia non rexistrou novas vítimas mortais, e no que vai de fin de semana faleceu unha muller de 82 anos que estaba ingresada na Coruña e que elevou a cifra total a 616.
En canto aos casos activos, a cifra de hoxe volve descender. Hai 732 persoas contaxiadas neste momento, 17 menos ca onte. O Ministerio de Sanidade informaba pola tarde que, por segundo día consecutivo, Galicia rexistraba un só caso novo confirmado por PCR. A incidencia das últimas dúas semanas, cando xa había mobilidade e circulación dentro da provincia, é, segundo estes datos, baixa, ao constatarse neste período 77 casos novos.
Descende tamén a cifra de casos activos nas residencias de maiores, onde quedan 46 usuarios enfermos e 42 profesionais. A cifra de vítimas mortais nos xeriátricos mantense en 273.
O Servizo Galego de Saúde confirmou un novo ingreso na unidades de coidados intensivos, onde hai 4 pacientes, pero diminúe o número de persoas hospitalizadas en planta, con 33 enfermos, e descende tamén a cifra de contaxiados que pasaban a enfermidade na casa, con 695 casos.
Este descenso constátase en todas as áreas sanitarias, agás en Ferrol, onde aumenta un caso. Ourense é a que máis reduce o número de activos, mentres que Vigo e A Coruña seguen presentando maior incidencia.