CRTVG

Buscar

A Xunta denuncia que non recibirá ningunha das vacinas extra anunciadas por Sánchez

Publicado o 08/08/2021 13:38
A Xunta denuncia que non recibirá ningunha das vacinas extra anunciadas por Sánchez

A Xunta informou este sábado que Galicia queda sen ningunha das 3,4 millóns de doses de Pfizer anunciadas polo presidente do Goberno, na última Conferencia de Presidentes. Denuncia que penaliza así a unha das comunidades que máis rápido está a vacinar á súa poboación.Esta situación, informa a Xunta, obriga a reprogramar a vacinación da próxima semana, tras comunicarlle o Goberno central que só vai recibir a metade das doses de Moderna comprometidas, e ningún dos viais de Pfizer que anunciara Pedro Sánchez.

Conforme a información remitida polo Ministerio de Sanidade á Xunta, as doses de Moderna redúcense á metade e argumentan que se compensan con 8.700 doses de Pfizer, o que obriga, unha vez mais, a reprogramar o operativo para garantir a segunda administración da vacina de Moderna a moitos galegos. A confirmación de que Galicia non recibirá o anunciado polo presidente do Goberno prodúcese horas despois de que o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña remitira unha carta a Carolina Darias esixindo información puntual e clara sobre o reparto das vacinas para poder programa a inmunización da poboación en Galicia.

Para o responsable do Sergas "na repartición das novas doses debe seguir contemplándose o criterio de poboación diana que se fixou desde un inicio, tendo en conta tamén o número de casos positivos de cada comunidade, e que, por tanto requiren unha dose menos para recibir a pauta completa". Pide que se axusten o envíos as necesidades de cada territorio.

A Xunta confía en que o Goberno rectifique esta decisión unilateral e non comunicada ata o venres, unha semana despois do anuncio do presidente Pedro Sánchez sobre a chegada de mais vacinas de Pfizer en agosto.