CRTVG

Buscar

Galicia non estuda avanzar na desescalada, malia a estabilidade dos contaxios

Publicado o 27/04/2021 15:02

• O comité clínico dá por superado o impacto da Semana Santa

• O concellos coas restricións máis duras deben agardar 10 ou 15 días antes poder aliviar as restricións

Entre os expertos que asesoran a Consellería de Sanidade hai satisfacción pola evolución das cifras da pandemia e porque o impacto da Semana Santa dáse xa por superado. Esta tarde volven reunirse pero, polo momento, non haberá máis avances na desescalada.

Os 35 expertos do comité clínico poñen en valor os datos de Galicia cando xa transcorreu un mes desde a Semana Santa. A incidencia segue por baixo de 100 e iso permite que as medidas sexan máis cirúrxicas, máis territoriais. Explican que non haberá novos pasos na desescalada ata que a melloría non se consolide. No caso dos concellos que asumiron as restricións máis duras deben consolidar as cifras durante 10 ou 15 días antes de optar a un alivio nas restricións.

Unha incidencia de 96 casos por cen mil habitantes a 14 días, un mes despois da Semana Santa; a cifra satisfai os membros do comité clínico e empúxaos a seguir coa mesma estratexia; anticipación, estudando a suba das incidencias a 3 e sete días e mantemento das restricións ata que se consoliden as mellorías,

Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do HULA e membro do comité clínico: "Para baixar de nivel temos que estar moito máis seguros e ser moito máis prudentes. Os concellos que baixan as súas incidencias teñen que manter as cifras entre 10 e 14 días".

Trátase de non dar pasos atrás. E tamén por iso, non se acelerará de momento a desescalada na hostalería.  "A incidencia acumulada aínda que está estable segue aumentando pouquiño a pouco e todos sabemos o que supoñería abrir os bares nunha situación epidemiolóxica que aínda estando controlada non é a óptima".

O comité clínico prepara tamén as ferramentas para seguir batallando contra a Covid cando dentro de doce días remate o estado de alarma. "Moitas decisións van depedender desa fin do estado de alarma, como o peche perimetral e especialmente o toque de retirada".

A mellor estratexia, din, para a volta á nova normalidade: seguir, seguir protexéndonos, seguir asistindo aos cribados e seguir vacinándonos

Noticias web

27/04/2021