CRTVG

Buscar

Galicia non pedirá o pase á fase 3 ata que transcorran as dúas semanas da fase 2

Publicado o 27/05/2020 17:15

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, indicou este mediodía nunha conferencia de prensa na capital galega que Galicia non pedirá o pase á fase 3 ata que transcorran os quince días da fase 2.

Ademais, o conselleiro situou na semana do 11 de xuño a realización da segunda onda de probas do estudo serolóxico para determinar a circulación do virus en Galicia. 

Vázquez Almuíña destacou tamén que son catro as áreas sanitarias en que non hai pacientes nas UCI por covid-19, mentres que nas outras tres áreas hai 5 pacientes nestas unidades.

O conselleiro declarou que están á espera de que o Goberno responda á petición de permitir a mobilidade entre as 4 provincias por estaren en similar situación epidemiolóxica.

Medidas de flexibilización

Galicia pediu ao Ministerio de Sanidade "algunhas medidas de flexibilización" na fase 2 de desescalada. Madrid tamén pediu a flexibilización, no seu caso da fase 1. Foi durante a xuntanza hoxe co ministro Salvador Illa, na que tamén participaron representantes de Baleares, Canarias, Andalucía e a Comunidade Valenciana. 

Andalucía pediu o progreso á fase 2 das provincias de Málaga e Granada

A Comunidade Valenciana pediu a fase 2 para Castellón, Valencia e Alacante.

Canarias propuxo o avance á fase 3 das illas da Gomera, Hierro e A Graciosa.