CRTVG

Buscar

Galicia mantén as restricións, con toque de queda das 23:00 ás 6:00

Publicado o 27/10/2020 20:57

• Sanidade non descarta ter que tomar medidas este venres ante a evolución dos casos nas grandes cidades do país

As limitacións non acaban de dar resultado no Carballiño e Verín

• Galicia conta 525 contaxios novos, 78 menos que o día anterior, e os casos activos chegan a 7.074

 

A Xunta de Galicia mantén o horario do toque de recollida de 23:00 a 06:00 decretado polo Goberno central o pasado domingo para toda España con carácter xeral e que cada comunidade autónoma pode adaptar. Así o anunciou este martes o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en conferencia de prensa, acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) José Flores e da directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán Parrondo para informar dos asuntos tratados na reunión do comité clínico desta semana.

Comesaña subliñou que en Galicia "haberá restricións de mobilidade nocturna" e apelou aos cidadáns para cumprilas. Ademais, lembrou que nesta pandemia está a morrer xente. "É hora de tomarmos en serio as restricións", sentenciou.

Preocupa a evolución nas grandes cidades

A Xunta decidiu manter as mesmas restricións existentes ata o de agora. Galicia segue en nivel 2 con reunións limitadas a un máximo de cinco persoas, e as restricións xa establecidas para cidades como Santiago e Ourense, entre outras. 

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, explicou que "preocupa" a situación en comarcas como a de Santiago, Ferrol "especialmente", Pontevedra, Vigo, Ourense, O Carballiño, Verín e Lugo, tras un "empeoramento en catro días" rexistrado en Galicia, dun 20 %, "a pesar de ser a cuarta comunidade con menor incidencia acumulada".

Por iso, Sanidade expón unha "estratexia de monitorización continua de todas estas comarcas" e "se se constata un empeoramento esta semana", puntualizou Durán Parrondo, "a comisión clínica terá que actuar en consecuencia e pór en marcha medidas necesarias".

A decisión de manter o mesmo nivel de restricións adóptase despois de que Galicia rexistrara 525 contaxios de covid−19 en 24  horas, ata as seis da tarde de onte, cando os casos activos pasaron de 6.766 a 7.074, 308 máis, con subas xeneralizadas en todas as áreas sanitarias.

O aumento de casos xa se nota na presión asistencial. No Sergas garanten a capacidade dos hospitais. 

Ás medidas xa impostas como a redución a cinco persoas das reunións sociais, limitadas só a conviventes nalgunhas zonas, e os peches perimetrais noutras, súmase o toque de recollida. A comisión clínica volve reunirse o venres para avaliar os resultados destas restricións.