CRTVG

Buscar

Galicia maniféstase contra a violencia machista

Publicado o 25/11/2019 20:52

Este luns foi o Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. En Galicia organizáronse manifestacións ou concentracións nas sete cidades. Unha marea violeta saíu á rúa para demostrar o rexeitamento da violencia contra a muller. Tamén nunha chea de vilas galegas berraron contra a violencia machista. Aínda non rematou o ano e xa se contabilizan máis vítimas ca en todo o ano pasado. A estas alturas de 2019 van xa 52 mulleres asasinadas en España, 5 en Galicia.

Actos institucionais

Compromiso do Goberno galego neste 25 de novembro para seguir avanzando nunha Galicia libre de voilencia machista. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou nun acto na Universidade de Santiago en que se deu lectura a un manifesto da rede de unidades de igualdade das Universidades españolas.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade: "Para eliminar calquera tipo de violencia a solución reside na educación, o respecto, a liberdade e a igualdade que son tres dos piares fundamentais e básicos".

Declaración institucional tamén do Goberno do Estado para mostrar o firme compromiso de seguir dedicando esforzos a combater a violencia contra as mulleres. O delegado do Goberno alerta sobre os que poñen en dúbida unha realidade que os datos se encargan de demostrar.

Javier Losada, delegado do Goberno en Galicia: "Debemos poñerlles freo e tamén poñerlles freo aos seus cómplices. A todos eses negacionistas que din que non existe a violencia contra a muller. A eses que non queren ver esas 3.500 mulleres ás que aínda hoxe ataca o machismo e que o sofren como vítimas".

Estes actos institucionais veñen sumarse ás convocatorias que se desenvolven nesta xornada nas principais cidades galegas. Na cámara galega, todos os grupos redobran o seu compromiso contra a violencia machista e piden máis medios e maior visibilización.

Feijóo: "En Galicia só temos un non por resposta fronte á violencia machista".

Para conmemorar esta data, a Xunta convocou un concurso de carteis e vídeos nos centros escolares. Na entrega de premios aos gañadores, Alberto Núñez Feijóo defendeu que é unha obriga de todos loitar contra a violencia machista.

Un dos proxectos premiados, feito no instituto Vilalonga de Sanxenxo, os nenos preséntanse como aliados das mulleres. Entre os carteis gañadores, mensaxes contra o mal amor e contra o machismo.

Recoñecemento tamén a lemas nos que os galegos do futuro se reivindican como activos e concienciados no reto dunha igualdade real.

"Esta nova xeración seremos quen de facer fronte ao machismo", afirma unha das alumnas.

Alberto Núñez Feijóo apela á unidade para acabar co disparate, dixo, da violencia contra as mulleres.

"En Galciia só temos un non por resposta fronte á violencia machista e non pemitimos que fronte a esta loita non se queira tomar parte. É tarefa de todos, é unha obriga moral, ética e persoal", asegura o presidente.

Os gañadores levan un cheque de ata 150 euros e un lote de libros para os seus centros.

 

Noticias web

25/11/2019