CRTVG

Buscar

Galicia limita as reunións a conviventes, pecha hostalería e restrinxe a mobilidade ao ámbito municipal

Publicado o 25/01/2021 19:00

• O comercio non esencial pechará ás 18:00 e os centros comerciais non abrirán nas fins de semana

• Feijóo pídelles aos cidadáns que se "autoconfinen"

Galicia permitirá desde a medianoite do martes ao mércores e durante as próximas tres semanas unicamente as reunións de conviventes, limita a mobilidade ao propio municipio, pechará a hostalería completamente, os centros comerciais cerrarán na fin de semana e adiantará o peche de comercios non esenciais ás 18 horas.

No caso do comercio considerado esencial, como farmacias ou supermercados, a hora de peche establécese nas 21:30 horas. A hostalería poderá realizar entregas a domicilio e os comedores dos centros de traballo poderán seguir abertos.

Ao tempo que se limitan os contactos aos non conviventes, tamén se limitan as actividades ás consideradas esenciais: a sanidade, a educación, o coidado de maiores e menores, o traballo e o comercio. A recomendación para todas as empresas segue sendo a aplicación do teletraballo alá onde é posible.

Nunha conferencia de prensa tras asistir ao comité clínico que asesora ao Goberno galego, o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo indicou tamén que as clases universitarias non se retomarán ata o próximo 8 de febreiro "de maneira virtual" e de maneira presencial ata o próximo 17 de febreiro. Pola súa banda, a educacion non universitaria —colexios, institutos e escolas infantís— continuará aberta.   

O presidente galego pediu aos cidadáns que se autoconfinen, que sempre que sexa posible fagan teletraballo, e lamentou non poder adiantar o toque de recollida ás 20 horas, polo que lle pediu ao Goberno que rectifique.

O endurecemento de medidas tamén inclúe o peche de museos, de bibliotecas, de teatros e de salas de espectáculos, e mais a cancelación das competicións deportivas autonómicas e os adestramentos destes equipos, unicamente poderán continuar as estatais e internacionais. Tamén se elimina a asistencia de públñico nas competicións en que estaba permitida.

A práctica de deporte individual estará permitida sempre que sexa ao aire libre e con máscara.

Tamén permanecerán pechados os clubs de xubilados, os centros de día e os fogares de maioresEntre as excepcións a estas duras limitacións, permitirase o acompañamento de maiores ou de menores e os desprazamentos por traballo.

Núñez Feijóo recoñeceu que son medidas "máis difíciles e con máis restricións" que as adoptadas ata o de agora —salvo o confinamento da pasada primavera— e comprometeuse a dar a cara e a anunciar persoalmente un endurecemento de medidas cada vez que sexa preciso.

Na súa intervención dixo que non pode comprometerse a que este sexa o derradeiro esforzo que vai pedir aos cidadáns e sinalou que tanto a insuficiencia de vacinas como a mutación do virus e a aparición de novas cepas están a afectar ao incremento exponencial de casos en Galicia. 

"É difícil transmitir que aínda quedan por pasar momentos moi duros, tanto como os máis duros xa pasados, debemos aceptalo, afrontalo, recoñecelo e facer un esforzo por superalo", asegurou.

Sobre a posibilidade de instalar hospitais de campaña, Núñez Feijóo insistiu en que de momento "non está previsto", aínda que se non hai máis remedio poderíase facer na Coruña ou en Santiago se fose necesario, mais indicou que por agora se están trasladando pacientes aos hospitais de Lugo e de Vigo, con maior capacidade.

En principio, o decreto con todas as novas medidas publicarase mañá martes e entrará en vigor ás 00:00 do mércores.