CRTVG

Buscar

Galicia liderará as contratacións durante o verán, segundo Adecco

Publicado o 24/06/2019 22:15

Preto de 75.000 contratos asinaranse na nosa comunidade durante a época estival, un 14 por cento máis ca o ano pasado. Uns datos que nos sitúan á cabeza do crecemento de emprego no territorio nacional. Son datos dun informe de previsións elaborado pola empresa de traballo temporal Adecco.

Arredor de 10.000 postos de traballo estarán vencellados ao sector das rebaixas, o resto, aos da hostalería e turismo. Por provincias, serán Pontevedra e A Coruña as que acaden as mellores posicións, mentres Lugo e Ourense, quedarán por debaixo da media galega en canto a número de contratacións.

Dez mil contratos máis que no verán de 2018. Esa é a previsión que manexan no informe elaborado pola empresa de traballo temporal Adecco. Isto tradúcese nunha suba de máis do 14%, e que sitúa a Galicia como a rexión española líder en crecemento de emprego estival. Destes novos contratos, uns dez mil estarán vencellados á campaña das rebaixas, tamén tendo en conta os asociados ao comercio electrónico, como mozos de almacén e persoal de distribución. 

O resto adoitan ser contratos relacionados con turismo e hostalería, pero tamén co que os expertos chaman reforzo nas vendas, profesións como teleoperadores ou recepcionistas.

Se atendemos ás contratacións por provincias, A Coruña e Pontevedra con 30.000 e 36.000, sitúanse entre os dez primeiros postos na clasificación nacional. Ourense e Lugo quedan por detrás da media galega rozando os 4.000 e 3.500 contratos.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/06/2019