Galicia lidera unha investigación internacional sobre os determinantes xenéticos ante a Covid-19
O estudo, do que forman parte máis de 20 hospitais, así como grupos de investigación de alto nivel, buscará determinantes xenéticos que aumenten o risco ante a COVID-19.
Anxo Carracedo, Responsable do Grupo de Medicina Xenómica da USC, explica qe se trata de descubrir que xenes pode haber tras o feito de que algúns doentes teñan síntomas graves ou morran e outros estean asintomáticos.
Tamén pretenden identificar por que a enfermidade cursa de xeito tan distinto entre unhas persoas e outras, xerando problemas respiratorios graves en moitos casos, pero tamén patoloxías cardiovasculares ou dermatolóxicas, entre outras...
Anxo Carracedo di que a identificación deses xenes permitirá coñecer mellor a enfermidade, saber que persoas teñen un risco máis grande, e tamén desenvolver novos fármacos.
Analizarán o xenoma completo en máis de 7.000 doentes de España e doutros países. Un esforzo colectivo contra o reloxo, no que participan máis de 30 grupos de investigación, así como numerosos clínicos que recollerán mostras na maioría dos hospitais galegos.