Galicia lidera a rede de praias libres de tabaco
Xestos coma fumar un cigarro á beira da auga son cada vez menos habituais nos areais galegos, e neste 2019, a temporada de praia contará con novos aliados para que tomar o sol, pasear ou dar un baño sexan actividades libres de tabaco. 141 praias, 24 delas fluviais, de 64 concellos forman xa parte da Rede Galega de Praias sen Fume.
Desde a Dirección Xeral de Saúde Pública, Andrés Paz Ares amósase satisfeito porque "hai 489 praias no censo de zonas de baño, e agora mesmo o 30 por cento xa son libres de fume".
As praias adheridas están sinalizadas cun cartel e cunha bandeira que pretende disuadir os usuarios do areal. A rede, creada en 2016, ten un fin educativo, de promoción da saúde e de respecto polo medio, pero a Xunta non descarta regular esta materia.
"Advertir e aconsellar, non multar. Posiblemente nun futuro próximo saquemos unha lei para regular onde se pode fumar en determinados espazos públicos", engade Paz Ares.
Os vigueses poden votar estes días se queren praias sen tabaco no seu concello. As enquisas realizadas pola Xunta certifican que preto do 80 % da poboación valora moi positivamente liberar as praias de fume e de cabichas.