CRTVG

Buscar

Galicia libra da calor extrema que afecta trinta provincias da península

Publicado o 26/06/2019 23:01

Nada mellor que a gama cromática para explicar, sobre o mapa, a vaga de calor e os seus límites. 

"Estamos á marxe dese episodio que si vai afectar zonas do interior e do leste da península, onde poden superar límites moi elevados de temperatura. Esa masa de aire cálido vai afectar tamén o sur de Europa, pero por outro lado no Atlántico temos a entrada de aire frío do norte e nós quedamos xusto nesa fronteira intermedia", di Carlos Otero, de Meteogalicia.

Así que grazas a esa situación de fronteira entre altas e baixas presións, Galicia quedará lonxe dos 44 graos que poderían acadar os termómetros noutras zonas. Aquí, hoxe, as temperaturas non superarán os 27 graos previstos en Ourense.

Ademais, ao longo do día continuará chovendo, con máis probabilidade no interior, despois das precipitacións que afectaron pola mañá toda a faixa atlántica.

"Galicia comezará a recuperar a estabilidade a partir do venres da man dun anticiclón que vai entrar en forma de cuña con vento do norte, iso quere dicir que precisamente no extremo norte haberá algo máis de nubes sobre todo a primeiras e últimas horas do día, no sur o ceo máis despexado e un ascenso tímido das temperaturas. Así e todo, teremos máis calor canto máis ao sur e nas zonas do norte, como A Mariña e Ortegal, as temperaturas serán moito máis discretas", explica Noelia Rodríguez, do Tempo TVG.

Impóñense, de momento, os paraugas e os chuvasqueiros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/06/2019