Galicia abre fronteiras, elimina o toque de queda e amplía horarios na hostalería
• Os restaurantes poderán abrir ata a 1:00, e os bares ata as 23:00
• Prohibidas as reunións de non conviventes entre a 1:00 e as 6:00
• Permítese o contacto físico nas visitas ás residencias de maiores
O Goberno galego levanta o peche perimetral da comunidade autónoma e o toque de recollida na madrugada do domingo, cando remate o estado de alarma.
Segundo anunciou o presidente da Xunta na conferencia de prensa posterior á reunión extraordinaria do comité clínico, "calquera persoa de calquera lugar pode vir a Galicia, xa sexa dende Portugal ou dende calquera outra comunidade", a partir do 9 de maio.
Porén, os concellos que se atopen no nivel máximo de restricións manterán o confinamento municipal e o toque de recollida a partir das 23:00 horas. Para iso, é preciso unha autorización xudicial que, segundo avanzou Alberto Núñez Feijóo, se solicitará ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Unha vez que o TSXG lle dea o visto e prace a estas limitacións, poderán aplicarse de xeito automático a todos os concellos que se atopen en risco extremo, é dicir, con incidencias acumuladas superiores aos 500 casos por 100.000 habitantes (a 14 días) e 250 casos por 100.000 habitantes (a sete días).
Estarán cinco municipios nesta situación (no nivel 1): Padrón, Cambados, Vilanova de Arousa, Cualedro e Laza.
Ampliación de horarios na hostalería
No que respecta ao sector da hostalería, amplíanse os horarios dos bares e cafeterías ata as 23:00 horas e os restaurantes poderán pechar á 1:00 da madrugada. Iso si, deberán atender con cita previa, gardar o rexistro da clientela e contar con medidores de CO2.
Aínda que o estado de alarma remata a medianoite do sábado ao domingo, a Xunta traballa na fórmula legal para que o propio sábado xa non haxa toque de recollida e os bares poidan abrir ata as 11 e os restaurantes ata a unha da madrugada.
En liña con esta medida, o presidente da Xunta anunciou a prohibición das xuntanzas de persoas non conviventes nos domicilios dende a 1:00 ata as 6:00 da mañá. Neste caso, o Goberno galego tamén precisa dunha ratificación dos tribunais. "Non tería sentido perdille esforzos á hostalería e substituír a hostalería profesional pola doméstica", argumenta Alberto Núñez Feijóo.
• A hostalería pide a ampliación de horarios para todas as licenzas
Residencias e centros de día
Tamén anunciou novidades nos centros socio-sanitarios. Segundo o presidente da Xunta, a evolución neste eido é “moi esperanzadora”, e por iso se acordou avanzar na recuperación da normalidade.
As residencias de maiores, que non estean nos concellos de nivel máximo, amplían as saídas semanais de tres a cinco, cunha duración de catro horas cada unha. Ademais, as persoas usuarias poderán pasar un mínimo de cinco días coas súas familias fóra do centro. Cando regresen, terán que someterse a probas diagnósticas.
Do mesmo xeito, permítese o contacto físico, "con apertas e bicos de xeito razoable", durante as visitas e, ao remate, "haberá que hixienizar o lugar do encontro".
Feijóo asegura que todas as residencias están libres de covid−19 menos a de Chantada, onde se rexistraron varios casos asintomáticos que están baixo supervisión.
No que respecta aos centros de día, aqueles cun 90 % de inmunización poderán organizar paseos pola contorna co persoal coidador. Os que comparten espazo cunha residencia, teñen a posiblidade de facer rotacións entre o persoal de ambos os dous servizos.
Feijóo apela a manter a responsabilidade aínda que acabe o estado de alarma. "Os pasos en falso poden facernos retroceder. Non é menor ter constancia de que temos a cepa india en Galicia ou que o número de vacinas será menor nas próximas semanas. Lamento non poder dicirlles que acabou a necesidade de coidarnos. Esta fin de semana remata o estado de alarma, pero non remata a pandemia", sentenciou o presidente da Xunta.