Galicia recupera a capacidade do 100 % e levanta a emerxencia sanitaria
• Os locais de hostalería ampliarán horarios, sen chegar aínda aos que tiñan antes de comezar a pandemia
• A Xunta analizará se ten competencias para eliminar o uso da máscara en ámbitos como os patios das escolas
A Xunta de Galicia deu por finalizada este xoves a situación de emerxencia sanitaria decretada en marzo de 2020 pola covid-19. Así o anunciou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, quen compareceu ante os medios substituíndo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Rueda dixo que a boa situación epidemiolóxica permite o levantamento desta medida, pero que a Administración seguirá vixiante por se houbese gromos e fose necesario tomar decisións para atallar os contaxios. O vicepresidente insistiu en que a Lei galega de saúde permite actuar e contar coas ferramentas necesarias.
Ocupacións ao 100 por cento
Ao mesmo tempo, acordouse recuperar as ocupacións do 100 % en todas as actividades que aínda non o fixesen, principalmente hostalería e lecer nocturno, actividades en que decidiu ampliar entre media hora e unha hora o horario de peche.
Deste xeito, as cafeterías e restaurantes poderán abrir ata as 1:30 horas as noites dos venres e os sábados; mentres que os pubs poderán pechar ás 4:30 horas tamén as fins de semana e as discotecas e salas de festa amplían o seu horario ata as 5 horas todos os días da semana.
Rueda tamén comunicou que se levantan algunhas restricións que quedaban pendentes nas residencias sociosanitarias, de modo que os usuarios poderán saír coma antes da pandemia e tamén recibir visitas, aínda que continuará a cita previa.
O sector da hostalería e o do ocio nocturno amósanse optimistas e esperanzados polo alivio das limitacións. Aseguran que recuperar a ocupación ao 100% é un paso adiante moi importante.
Con respecto da ampliación de horarios, que beneficia sobre todo a discotecas e salas de festas, consideran que lles vai permitir ir deixando atrás meses complicados.
Teñen a vista posta na campaña do Nadal e esperan que para daquela poidan xa volver aos horarios previos á pandemia.
As máscaras nas escolas
A Xunta tamén vai analizar se está entre as súas competencias eliminar a máscara en ámbitos como os patios das escolas, como anunciou este xoves a Comunidade de Madrid. Se os servizos xurídicos da Administración galega certifican que a Xunta é competente nesta materia, trasladarían a medida ao subcomité clínico que asesora a Sanidade para que valore a conveniencia de que os nenos poidan estar en espazos exteriores dos colexios sen esa protección.