CRTVG

Buscar

Galicia incrementa o volume de probas previstas nos cribados poboacionais

Publicado o 03/02/2021 15:21

De pouco serven se os cidadáns non se presentan a facer a proba. E isto é o pasou na Coruña, onde esta fin de semana pasada se fixo un cribado masivo pero se presentou menos da metade dos convocados. Aínda así, Galicia incrementará o volume de probas diagnósticas e para esta semana ten previstas preto de 50.000.

En hospitais, centros de saúde, recintos feirais ou no covid-auto, o obxectivo é incrementar as probas a través da busca activa de casos.

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán explica que se fai "cun obxectivo moi claro que é a identificación precoz, tanto dos casos, para poder illalos, como dos contactos, para poder poñelos en corentena". E deste xeito frear os contaxios.

O profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública engade que os cribados poboacionais teñen unha utilidade especial, a "de detectar asintomáticos que estean formando cadeas de transmisión ocultas".

E para conseguilo é fundamental a participación, especialmente dos que teñen máis interaccións. 

"Sendo importante, non é igual de importante que acuda ao cribado unha persoa que vive soa e ten poucos contactos que, por exemplo, un profesor dun colexio", incide o profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública Alberto Ruano.

Por iso piden superar os temores, laboral ou doutro tipo, que os poden levar a non participar nos cribados. Das preto de 180.000 probas practicadas durante a última semana, máis de 40.000 foron nestes cribados, cun 1% de positividade.  

"É como encontrar unha agulla nun palleiro porque ao cribado poden acudir persoas que ao mellor se puideron contaxiar onte ou hai dous días e o cribado non lles vai dar positivo porque aínda non transcorreu o tempo necesario para esa positividade", mantén Ruano

Pero cada agulla atopada é un éxito. E axuda a que a baixada da curva epidémica sexa máis rápida.

Noticias web

03/02/2021