CRTVG

Buscar

Galicia incluirá a violencia dixital contra as mulleres na lexislación

Publicado o 22/06/2021 11:40
Galicia incluirá a violencia dixital contra as mulleres na lexislación

O Parlamento galego aprobou este martes iniciar a tramitación dunha modificación do marco normativo galego de violencia de xénero. O obxectivo é recoñecer tamén como violencia machista aquela que se exerce a través das novas tecnoloxías, polo que a lexislación incluirá condutas como o ciberacoso sexual ou o ciberengano pederasta (grooming).

A reforma, presentada polo PPdeG e aprobada por unanimidade, atinxe a todas aquelas accións de violencia de xénero exercidas a través do correo electrónico, da Internet, dos sistemas de mensaxería dixital ou das redes sociais "coa única finalidade de discriminación, dominación, control e intromisión sen consentimento na privacidade da vítima".

Ademais, tipificarase como violencia dixital "con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella ou análoga de afectividade no presente ou no pasado". Do mesmo xeito, terán igualmente a consideración de actos de violencia dixital contra a muller os exercidos por persoas da súa contorna familiar, social, profesional ou académica.

Noticias web

22/06/2021